Opinión

Austeridade, empobrecemento e recentralización

Falamos a semana pasada da arrepiante evolución do emprego e a ocupación en Galicia ao longo dos sete anos de Goberno Fejóo, á vista dos dados fornecidos polo economista Marcelino F. Mallo. Agora é o economista Alberto Turnes o que nos achega outros dados que sinalan inequivocamente o empobrecemento sofrido por Galicia ao longo da era Feijóo. O PIB galego, que acadaba no 2008 o 5,33% estatal (por certo, logo de subir canda o bipartito dende o 5,23% do 2005), contraeuse no 2016 ao 5,18%. Os dados de investimento produtivo (formación bruta de capital fixo) son brutais, baixando un 47% entre 2008 e 2016 (de 17,285 M€ a 9.193 M€ entre 2008 e 2016). O territorio autonómico que máis baixou no Estado, produto sen dúbida do gravísimo proceso desindustrializador que sofrimos.

Este suspenso histórico aínda é compatíbel con certa opinión pública e publicada, de certa relevancia nas clases medias urbanas, que merca o relato de que Feijóo é un bon xestor e que a austeridade  é o camiño, malia que esta ladaíña vaia, aos poucos, tendo menos seareiros. As políticas de austeridade xeran exclusión social e descapitalizan o capital social, degradando a nosa sanidade, educación e servizos sociais. Mais, tamén,  contraen a nosa economía, ao renunciar a calquera política de promoción empresarial e deixar os sectores estratéxicos da economía galega ao pairo.

Este suspenso histórico aínda é compatíbel con certa opinión pública e publicada, de certa relevancia nas clases medias urbanas, que merca o relato de que Feijóo é un bon xestor

Mais a política austericida de Feijóo reflectiu tamén a idea de que o autogoberno non vale para xerar benestar nin desenvolvemento, asentando  o relato de que as verdadeiras decisións dependen de Madrid e Bruxelas. Neste senso, Núñez Feijóo demostrou que se pode facer moito menos con menos, xerando aínda moito menos ruído social e identitario.

E a descapitalización austericida abriu novas oportunidades de negocio para os operadores privados, mais non para os grupos empresariais galegos (para os que Feijóo ollou sempre con desconfianza), senón para os grandes grupos concesionais do capitalismo de amiguetes de Madrid. Deste xeito, os recurtes do autogoberno autonómico e local xeraron un proceso de reprivatización que nos empobreceu, arrequecendo ese capitalismo de amiguetes. 
Coma sempre, a recentralización empobrécenos e o autogoberno arrequécenos.

Comentarios