Opinión

Atilia en Galicia

É evidente que o réxime franquista foi ilexítimo, en canto que naceu dunha rebelión militar contra o lexítimo Goberno da República. Esta orixe determina o seu carácter de réxime de facto, privado da lexitimidade do Dereito. Velaí a case unánime censura internacional de 1946 (vetando o acceso do réxime á ONU e os seus organismos sectoriais), logo atenuada pola guerra fría.

Peor foi a ilexitimidade no exercicio. Na Galicia non houbo guerra nin máis violencia cá a dos sublevados. Malia esta circunstancia, Nomes e Voces calculou en 4.699 as persoas asasinadas, entre elas Alexandre Bóveda, Pepe Miñones, os catro gobernadores civís e os alcaldes da Coruña, Compostela, Ferrol e Vigo canda outros vinte e dous dos principais concellos galegos. Tamén os principais mandos militares: o almirante Azarola e os xenerais Salcedo e Caridad. A represión económica foi brutal. 15.000 persoas foron sancionadas economicamente polas súas ideas, milleiros encarcerados e depurados dos seus empregos. Outros milleiros apartados da sociedade, da Universidade e do emprego público, mortos en vida, como o caso do avogado compostelán Rajoy Leloup. 

Na Galicia non houbo guerra nin máis violencia cá a dos sublevados

 

Galicia vivira un moi importante desenvolvemento económico, social e cultural entre 1900 e 1936. Despois da guerra sofreu a fame en todo o seu rigor. As cidades perden poboación e dáse un fenómeno de reruralización. Só a emigración dende os primeiros 50 salvou ducias de milleiros da miseria. Os níveis de vida e industriais de 1936 tardaron trinta anos en se recuperar, por mor da neglixente actuación do franquismo nas súas políticas económicas, nomeadamente as da autarquía (1939-1957).

As mulleres, en claro proceso de emancipación na II República, foron recluídas outravolta no fogar e vetada en xeral a súa incorporación á vida económica, cultural e educativa até moi entrados os anos 60 do século XX. A personalidade nacional de Galicia, a súa lingua e a súa cultura foron severamente reprimidas ou esquecidas na longa noite de pedra que cantou o poeta nacional Celso Emilio Ferreiro. Por outra banda,  a política de promoción educativa da II República foi desmontada e centos de mestres depurados.

Os holandeses tamén pasaron fame no inverno de 1945. Mais moi axiña o país estaba recuperado económica e socialmente. Porén, isto non pasou na Galicia. Para Galicia o franquismo foi un tsunami catastrófico.

Comentarios