Opinión

As razóns das mulleres

Cara ao 8 de marzo, Día da Muller, cómpre avaliar se a igualdade entre sexos é real, cinguíndonos só ao que vivimos na Galicia e na contorna europea, para evitarmos análises máis complexas ou heteroxéneas.

O primeiro que salienta na análise é un gravísimo problema de dereitos humanos. Na Galicia (e na Europa toda) existe unha pandemia de violencia machista. As mulleres son asasinadas, violadas e acosadas. E os Poderes Públicos non teñen sido, até de agora, quen de garantir a vida e a integridade física e moral de milleiros de mulleres. Ao longo da transición a violencia machista constituiu e constitúe a caste de delincuencia máis lesiva en termos de dereitos humanos. Un fracaso das nosas democracias.

Na Galicia (e na Europa toda) existe unha pandemia de violencia machista. As mulleres son asasinadas, violadas e acosadas

 

A igualdade non é real. A fenda salarial é un feito: ao mesmo traballo non lle corresponde o mesmo pagamento. Porque o problema non é que unha muller moi competente poida ocupar o posto dun home de competencia media. A igualdade esixe que unha muller de competencia media poida concorrer con suceso cun home de competencia media.

A metade da poboación son mulleres e as súas cotas de poder son moito máis baixas, nomeadamente nos postos principais da empresa, política ou xudicatura. Este teito de cristal está moi vencellado ao tempo que as mulleres destinan aos coidados dos seus fillos e maiores. Coidados que pexan a súa carreira laboral, potenciando a das súas parellas e aforrando milleiros de millóns de euros ás Administracións Públicas. E se os coidados aos fillos son remunerados (baixa por maternidade e cotizacións de Seguridade Social) os coidados aos maiores e dependentes tradúcense nunha total desprotección ás persoas que os desenvolven.

Este teito de cristal está moi vencellado ao tempo que as mulleres destinan aos coidados dos seus fillos e maiores

 

As xubilacións das mulleres son, por forza, moito máis cativas, por mor da fenda salarial, da meirande presenza das mulleres en traballos a tempo parcial e mesmo dos periodos que a muller deixa de traballar para enfrontar os coidados dos seus fillos e  maiores.

O camiño á igualdade real require de medidas efectivas de conciliación da vida familiar e persoal coa laboral, require de diñeiro público. Mais tamèn require dunha nova conciencia por parte dos homes: asumir que estamos a nos aproveitar sen remorsos da subordinación das mulleres.

Comentarios