Opinión

Arsenio: o home que nos fixo soñar

Arsenio Iglesias, lenda branca e azul, é a máis sobranceira das persoas do deportivismo nos seus 117 anos de vida. Como ven de dicir o seu fillo Antonio,  o Dépor era a súa Casa. E él era o Noso, como lle cantou a afección nunha desas conexións entre pobo e líder nado do pobo tan pouco usuais na nosa Galicia.

Mais fóra do Dépor Arsenio Iglesias foi un grande profesional do fútbol, que como xogador e adestrador deu o mellor de si próprio, no técnico, no táctico e no estratéxico, no Dépor, no Granada, no Sevilla ou no Hércules.  Na súa profesionalidade da orde e do talento, influiu a súa proximidade durante máis de 30 anos co avogado vimiancés Antonio Vázquez Mouzo, que o fichou para o Bergantiños no 1950.

Arsenio entregábase ao traballo ben feito e eficaz cos seus clubes e cos seareiros que pagaban. Velaí o seu compromiso co sentido da equipa que foi quen de combinar o xenio dos fenómenos de Fran, Bebeto ou Mauro Silva con outros máis de liña xerando unha equipa gañadora fronte adversarios con moitas máis estrelas e orzamento na Copa de 1995 e no trunfo moral da Liga 93-94.

Orde e talento que incluía a defensa da súa dignidade  como profesional que manifestou na súa marcha do Dépor (1995) e do Madrid (1996). Porque Arsenio demostrou que a súa brillante e exitosa idea de construir fútbol era incompatíbel co star system do vestiario que lideraba un Raúl ao que ninguén lembra, co palco do Bernabeu e coa prensa deportiva  madrileña. Porque Arsenio ten moito a ver coa forza da afección do Dépor do 2023,  que xunta máis de 27.000 seareiros no estadio e máis de 25.000 aboamentos cando transitamos polo inferno temporal da 1ª Federación.      

Arsenio salientou tamén pola súa empatía. Na súa pedagoxía como adestrador cos seus xogadores, mais tamén no que nos aprendía ou nos lembraba aos xoves seareiros e ao público en xeral. Que o fútbol é un xogo e nel a derrota é mesmo máis humana ca a a vitoria. Que non estamos sos no mundo porque os outros tamén xogan e nos poden guindar a vitoria dos fuciños. Empatía na súa conexión coa xuventude, cos seus rapaces descamisados das xeracións que seguían ao Dépor polos campos de xogo.

Tamén salientou Arsenio polo seu sentido cívico, cidadán, patriótico. Entre 2006 e 2009 aceptou o cargo que a conselleira Anxela Bugallo e o director xeral Santi Domínguez (BNG)  lle ofrecían, canda Fernando Vázquez, e foi o adestrador da nosa selección nacional sen percebir diñeiro ningún (tampouco Vázquez). Malia o seu apartidismo sabía que aquel aceno non lle habería caer ben a unha minoría, mais bastante influínte, de paisanos que non querían ouvir falar de que Galicia tiver unha selección de noso. E asumiu as resultas da súa decisión como home dunha peza.  

Arsenio pertence xa á historia. Mesmo lle pertence ao mito. Mais por moitos anos que vivamos, míster, non poderemos esquecer que fuches ti quen nos fixo soñar.

Comentarios