Opinión

Antón Arias, un empresario moderno

O presidente da CEG (a principal patronal galega), Antón Arias, manifestou a título persoal o que manifestaría calquera persoa demócrata e informada: cómpre actuarmos dentro da lei, pero a cuestión catalá é de natureza nomeadamente política e, xa que logo, cómpre sabermos o que queren os cataláns a medio dun referéndum pactado e suxeito á legalidade.

Na súa curta andaina como presidente, Arias Díaz-Eimil  salientara xa pola súa defensa, despois da Grande Recesión, da recuperación dos incrementos salariais como unha necesidade do conxunto da economía, tanto pola motivación dos seus recursos humanos (o que define unha empresa e é quen de posicionala no mercado) como pola mellora do mercado interior que estas subas salariais xerarían. 

Temos, pois, un  dirixente patronal que semella introducir un outro xeito de enxergar as cuestións sociais, políticas e económicas, ben diferente da liña continuada desenvolvida pola CEG dende 1977 e, moi probabelmente, ben máis achegada ás pequenas e medianas empresas que vertebran a nosa economía produtiva e a varias das patronais sectoriais e comarcais galegas, moito máis achegadas ao terreo cá liña de Fernández Alvariño et alter, que concibe Galicia como país dependente e subordinado e que colleu torticule de tanto ollar cara Madrid.

Temos, pois, un  dirixente patronal que semella introducir un outro xeito de enxergar as cuestións sociais, políticas e económicas

 

Fronte esta análise moderna, os vellos dirixentes como Fernández-Alvariño (herdeiro da nefasta época da CEG de Antonio Ramilo e Sánchez Sostre) repenican nun mantra  que só beneficia os intereses das grandes empresas financeiras e construtoras-concesionais e que vencella indisolubelmente a actual Constitución real do Estado español (ben afastada da pluralidade inicial do texto de 1978) cos intereses das elites do capitalismo castizo do BOE que dominan a CEOE e, deste xeito, a CEG.

Que un presidente da CEG propoña un discurso moderno e democrático é todo un sinal de que os tempos mudan. Xa que logo, milleiros de autónomos e pemes galegas haberían considerar se non habería que afondar nesta liña de análise, discurso e acción, a única que pode reconciliar a patronal galega coa economía produtiva e coa sensibilidade das maiorías sociais. 

Comentarios