Opinión

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e  Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.

Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.

O xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo

Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.

Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos  que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.

Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

Comentarios