Opinión

Análise crítica das medidas económicas (II)

Imos continuar esta xeira coas medidas de apoio ás familias.

A) Medidas para familias canto ao alugueiro, hipotecas e financiamentos de consumo.

Apróbanse medidas a respecto da suspensión ou redención de pagamentos dos alugueiros de vivenda habitual. No caso dos grandes propietarios de vivendas (+ de 10) os arrendatarios que estean en situación legal de vulnerabilidade poderán optar por un financiamento máximo de catro meses sen xuros a tres anos ou a súa redención ao 50% polo mesmo periodo. Sendo pequenos propietarios cumprirá a negociación privada e, de fracasar, a concesión ao arrendatario e, ás veces, ao arrendador de préstamos sen xuros pola banca, avalados ao 100% polo Estado.

Canto ás cotas hipotecarias e préstamos ao consumo rexe unha normativa moi semellante, cun máximo de tres meses de aprazamento ao longo doutros tres meses ao rematar ese prazo.

O noso sistema de axudas pública ás familias e empresas é moi burocratizado. Xa que logo, acerta esta normativa ao substituir un grande número de requisitos da vulnerabilidade por unha autodeclaración (”declaración responsábel”) do consumidor ou arrendatario, malia que haxa que acreditar documentalmente eses requisitos autodeclarados no prazo dun mes.

Na Galicia a inmensa maioría dos alugueiros danse entre consumidores, non entre éstes e grandes propietarios de vivendas, o que fará xurdir problemas graves de rendas entre uns e outros que haberán compensar os Poderes Públicos.

B) Rendas públicas para familias

Recoñécense pagas mensuais a prol das persoas empregadas no fogar do 70% da súa base reguladora, en función do desemprego total ou parcial que sofrise dende o 14 de marzo. E de 430 €/mes para os desempregados pola fin de contratos temporais ou eventuais qcon antigüidade mínima de 2 meses.

A normativa económica do 17 de marzo esquecera ao precariado (irregulares, moitos empregados de fogar, persoal recorrente de ETT e contratacións eventuais externalizadas). Dende o 2 deste mes achégase unha solución parcial.

Porén, todo serán remendos até pormos en funcionamento a Renda Básica Universal que xa propoñen mesmo persoeiros da dereita europea como Luis de Guindos. Unificaría as pagas por subsidios por desemprego, RISGA e semellantes locais e autonómicas e pensións non contributivas por xubilación e incapacidade. E liberaría aos nosos Servizos Sociais da burocracia para atender ás necesidades sociais do que está a vir.

Na vindeira achega analisaremos as medidas de rendas, fiscais e de SS e financeiras de apoio aos autónomos, profesionais e pemes.

Comentarios