Opinión

A ameaza para Galicia do nacionalismo español

A crise xerada pola cuestión catalá, substancialmente agravada pola parcialidade da mensaxe de El-Rei do pasado día 3, vén de amosar unha realidade que moitos negaron até de agora: a existencia dun forte e moi radicalizado nacionalismo español, malia que por sorte no noso país non sexa -polo de agora- moi significativo.

Este nacionalismo español estivo presente a xeito de absurdo patrioterismo na crise de Cuba nos anos 1895 a 1898 e chegou definir ao propio bando de Franco (os “nacionais” ou “nacionalistas”) na guerra civil de 1936-1939 fronte á suposta “antiespañolidade” dos republicanos defensores da legalidade constitucional. Aznar definiuno na súa segunda lexislatura (2000-2004), con formas máis mornas, como “patriotismo constitucional”. Se o nacionalismo galego ou catalán (con algunhas excepcións pouco relevantes) son ideoloxías de defensa e afirmación, o nacionalismo español é abertamente ofensivo e supremacista, baseándose no “a por ellos” e no “lo toma o lo toma”.   O nacionalismo español nega a existencia doutras realidades nacionais  ou culturas distintas á castelá-española no contexto do Estado español e dificilmente admite que galego, catalán ou euskera sexan cooficiais en plena equiparación de dereitos co castelán.

Se o nacionalismo galego ou catalán (con algunhas excepcións pouco relevantes) son ideoloxías de defensa e afirmación, o nacionalismo español é abertamente ofensivo e supremacista

 

O nacionalismo español é unha grave ameaza para Galicia. Porque tenta agachar a realidade dun país de noso, cunha estrutura económica ben diferente á española e, xa que logo, con intereses económicos ben distintos. Porque subordina a nosa lingua e cultura a unha suposta definición única e non plural do español e mesmo dos “bos españois”, a diferenza doutros Estados democráticos onde conviven harmonicamente diversas linguas, culturas e nacións, como Suiza, Canadá ou o Reino Unido. Porque non recoñece o noso dereito preconstitucional ao autogoberno e, xa que logo, o noso dereito ao benestar.

O relato do nacionalismo español é un relato de incomprensión a respecto da diferenza e, xa que logo, de negación doutras realidades. É un relato absolutamente desvencellado da evolución do mundo, onde a globalización coexiste cunhas pequenas identidades cada vez máis importantes. É un relato que atenta contra os nosos dereitos, contra a nosa prosperidade e contra os nosos intereses.  

Comentarios