Opinión

A aldraxe do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “Os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.

Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015 . Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.

Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e ésta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016,  onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.

Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016,  onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos

Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado ademais dunha soa vía. Mais a panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.

Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.

Comentarios