Opinión

Administración local á galega

A mentalidade política que manda en Madrid tende ver a uniformización e a centralización  como elementos positivos. As estradas e os camiños de ferro deseñáronse dende e para Madrid, desprezando os eixos sinalados polos vellos camiños xacobeos e vías romanas.

A mentalidade política que manda en Madrid tende ver a uniformización e a centralización  como elementos positivos. As estradas e os camiños de ferro deseñáronse dende e para Madrid, desprezando os eixos sinalados polos vellos camiños xacobeos e vías romanas. No que atinxe á administración territorial a Constitución de Cádiz impuxo o “ayuntamiento” castelán de vilas e pobos grandes a “todos los pueblos de la Monarquía”, malia que o poboamento de Galicia non fose o típico castelán e andaluz concentrado, senón espallado en moitos núcleos de poboación.

"Os concellos  galegos de menos de 20.000 habitantes viven abafados por toda caste de restricións normativas e orzamentarias impostas dende Madrid".

Esta mentalidade  mantívose despois do franquismo. A Constitución só lle garantiu o Estado as “bases do réxime local” e Galicia asumiu no seu Estatuto todas as competencias de desenvolvemento deste réxime. Mais o Poder estatal ditou unha Lei básica de réxime local que de básica só ten o nome, porque deixou unha marxe practicamente nula a Galicia para poder axeitar este marco ás nosas realidades. E, de paso, comprimiu os nosos concellos nunhas estruturas uniformes que impiden o real exercicio da autonomía local para a mellor prestación dos servizos. 

E o Tribunal Constitucional, coma sempre, fixo de árbitro caseiro e consagrou o actual estado lexislativo,  totalmente alleo ás tradicións federais (Alemania, Suiza, USA) que recoñecen a autonomía local e lle outorgan plenas competencias na administración local aos Gobernos territoriais.

"A Xunta non ten competencias para lles restaurar na súa autonomía local, única garantía de boa gobernanza nos concellos". 

As recentes leis de estabilidade orzamentaria e de racionalización dos gobernos locais agravaron esta recentralización uniformadora, tendendo  recurtar a calidade dos servizos. Os concellos  galegos de menos de 20.000 habitantes viven abafados por toda caste de restricións normativas e orzamentarias impostas dende Madrid. E a Xunta non ten competencias para lles restaurar na súa autonomía local, única garantía de boa gobernanza nos concellos. 

Velaí a urxencia da atribución ao Poder galego das competencias todas canto ao réxime local, incluídas  as facendas locais. Porque en Galicia, a boa prestación de servizos só é  posíbel dende unha autonomía local real que só pode garantir o autogoberno galego. 

Comentarios