Opinión

A vía corsa

Nas eleccións á Asemblea de Córsega de hai poucos meses, as forzas autóctonas corsas souberon esquecer unha historia de enfrontamentos (ás veces mesmo armados) e formaron unha grande coalición nacional (“Pè a Corsica”) entre os autonomistas  da “Femu a Corsica” do Presidente Gilles Simeoni e os independentistas de “Corsica Libera”. Xuntos quitaron case un 57% dos votos na segunda volta (máis do 45% na primeira), acadando dous terzos (42 sobre 63 escanos)  da Cámara.

No noso país, semella que as últimas enquisas (para eleccións estatais) dan un claro recuar do PPdeG e suba do Cs, mais éstes só medrarían á conta dos populares, mantendo En Marea e o PSdeG cadansúas segunda e terceira posición cun BNG en clara suba. A suma dos votos das tres formacións hoxe na oposición do Hórreo superaría por pouco á do PP e Cs que, porén, superan o 50% conxunto en moitos territorios do Estado.

A necesidade dunha coalición nacional á corsa xurde de varios requirimentos: superarmos a parálise social e económica de Galicia, apreixada pola ineficiencia e desleixo do dependentismo de Núñez Feijóo, substraer ao PSdeG da dinámica estatal recentralizadora de entendemento co PP e Cs,  pór o noso País e os problemas da  súa cidadanía no centro das políticas autonómicas e dotármonos de presenza propia continuada nas institucións estatais e europeas. 

A suma dos votos das tres formacións hoxe na oposición do Hórreo superaría por pouco á do PP e Cs que, porén, superan o 50% conxunto en moitos territorios do Estado

 

Esta coalición nacional habería desenvolverse tanto no plano galego como estatal e europeo, salvando a lexítima autonomía de acción e deseño dos espazos municipalistas. E habería integrar todos os partidos e sectores cidadáns que asumen Galicia como referente da súa cosmovisión e acción política, arredor dun programa nacional e realista, atento ao desenvolvemento empresarial e á innovación,  ás políticas de inclusión e  cohesión social e de igualdade, á posta en valor do territorio,  á reivindicación da nosa personalidade nacional e cultural e á defensa e ampliación do autogoberno.  

Os corsos souberon e puideron fuxir da enxurrada parisina dos Macron e Melenchon. Cumpriría, pois, que as forzas galeguistas  (comezando polo BNG e En Marea, mais abrindo o abano tamén a Compromiso por Galicia e outros sectores) encetasen o diálogo, definisen obxectivos e construisen unha plataforma programática para lle ofrecer á cidadanía esa ferramenta útil e gañadora da que hoxe carecemos.

Comentarios