Opinión

A morte do Pastor

O Banco Pastor foi absorbido polo Banco Popular no 2011, mais dende poucos meses despois constitúe unha marca propia con personalidade xurídica e ficha bancaria de seu que concentraba, agás seis oficinas nas cidades, toda a rede do Popular no noso País (uns 2.000 empregados nunhas 200 oficinas). Malia que os servizos centrais coruñeses foran case absolutamente liquidados mantívose o emprego e a rede comercial. O Pastor xa non era galego, mais seguía mantendo unha limitada existencia. A clientela confiaba no seu persoal (hai trinta anos o Pastor era “o noso Banco”) e a fuxida de depositantes nos úiltimos meses foi moito más limitada do que a sofrida polo Popular.

A resolución do Popular e a súa entrega de balde ao Santander sinala o camiño para a perda definitiva desta marca e ficha bancaria e da meirande parte deses 2.000 empregos. O Santander quere marca única para todo o Estado e quere eliminar axiña as duplicidades de cadansúas redes comerciais, evidentes nos principais cen concellos do noso País. Perderemos definitivamente un xeito de facer banca que entendía o xorne das nosas pemes e as especificidades duns sectores produtivos que en Madrid nin importan nin se lles entende.

Semella evidente o engano do Popular canto á información que achegou á súa ampliación de capital de 2.500 M€ de maio-xuño 2016

 

E, para máis, o dano sofrido polos accionistas, entre eles máis da metade  dos empregados do Pastor que agora ven en risco o seu posto de traballo. Semella evidente o engano do Popular canto á información que achegou á súa ampliación de capital de 2.500 M€ de maio-xuño 2016, polo que eses accionistas poderán recuperar o seu investimento nos xulgados, como moitos dos bonistas que adquiriron “cocos” e obrigas subordinadas. Canto aos accionistas anteriores, terán que acodir a reclamacións penais ou civís, seguramente colectivas, de incerto resultado contra os últimos administradores (e quizais o auditor) do Banco.

Hai tres semanas escrebín nestas páxinas o artigo Recuperarmos o Pastor. Antes e despois, puidemos constatar a absoluta falla de pulo e sensibilidade, non só no presidente e Goberno galegos, senón no conxunto da oposición política, sindicatos, organizacións empresariais e supostas forzas vivas da sociedade civil galega. Galicia, sen liderado político, social e empresarial, vai pagar un custo moi alto e sinala a vía libre para futuros saqueadores do país.  

Comentarios