Opinión

A fin do Reino Unido?

O Reino Unido (UK) xuntou Inglaterra canda as outras tres nacións británicas (Gales por conquista violenta no século XIII e Irlanda e Escocia por acordos de cadanseus Parlamentos aristocráticos no 1800 e 1707). Dende 1922 a meirande parte de Irlanda é independente, agás os condados do Ulster que seguen a pertencer a UK. Dos 650 deputados (MP) que elixe o UK, 59 pertencen a Escocia, 17 á rexión irlandesa do Ulster, 40 a Gales e os outros 534 á Inglaterra.

A malleira do prime minister Johnson ( 43,4% dos votos e 363/650 deputados en Westminster) sobre o desaquelado laborista Corbyn ( 32,4% fronte ao 40% de 2017 e 202/650) confirma o Brexit a 31.01.2020 e máis a fin do periodo transitorio na fin do 2020, pechando de vez o revirado ciclo que abriu o referéndum de 2016. Desapareceu a facción conservadora pro UE e os neotories de Johnson acadaron a meirande maioría absoluta dende a época da Thatcher, gañando tradicionais districtos socialistas.

Na Escocia a malleira foi a dos independentistas do SNP sobre os unionistas, acadando 48/59 MP(35/59 no 2017). A first minister Nicola Stugeon xa reclamou a convocatoria dun segundo referéndum de independencia, competencia do Goberno Central cedida “ad hoc” e por esa única vez no 2014 e que arestora Johnson rexeita conferir. Mais a cidadanía escocesa demostrou de vez a súa desafección coa Union e co Brexit. 2020 será o ano do choque de trens entre os dous Gobernos gañadores deste 12-D.

Na rexión irlandesa do Ulster os seareiros da unidade da illa (8 MP do Sinn Fein e 1 do SDLP- a franquía laborista-) quitaron a metade ds MP fronte aos 8 unionistas do DUP. O outro MP norirlandés foi para a centrista e transversal Alliance Party (AP). Estes números achegan máis a posibilidade dun referéndum para decidir a reunificación do Ulster pertencente ao UK coa república de Irlanda, referéndum previsto como posibilidade nos tratados de paz asinados no Venres Santo de 1998.

En Gales os soberanistas do Plaid Cymru retiveron o 10% dos MP (4/40) e votos. Mais non haberíamos desprezar a conciencia nacional de Gales, que se amosará de xeito inédito nas vindeiras eleccións autonomicas.

Seica Inglaterra asume que o brexit vai desfacer o UK. Probábelmente á meirande parte da súa xente non lle importe, apostando pola fin da Britannia unida na Europa unida.

Comentarios