Opinión

A autoestrada colonial

A AP-9 é o principal eixo de comunicación viaria deste país, vertebrando a Galicia atlántica na que viven case dous millóns de galegos. A AP-9 nos obriga pagar 30 € por viaxar entre as dúas  cidades galegas máis poboadas, porque non temos unha vía alternativa de balde practicábel de feito.  Velaí a importancia de que Galicia goberne a súa autoestrada.

O Estado quere reter a autoestrada porque non está disposto a que sexamos os galegos quen vixilemos a xestión do concesionario. Porque a autoestrada é un bó negocio para o concesionario e para o Estado, dende a lóxica extractiva do Madrid político. Unha lóxica extractiva presente tamén na blindaxe a prol do Estado da xestión dos portos e aeroportos ou na imposición no noso prexuizo dunha única tarifa eléctrica para todo o Estado. Trátase de que o autogoberno galego non sexa, no ámbito mínimo preciso para chamarlle deste xeito,  nin continuo nin eficaz ao non poder usar destas infraestruturas e desta tarifa eléctrica para construir unha política económica autónoma, atraendo investimentos e xerando PIB e benestar. Trátase de orientar os nosos recursos a prol dos intereses do capitalismo de amiguetes do BOE e non a prol do noso desenvolvemento e benestar.

O verdadeiramente grave é a actitude do Presidente Núñez Feijóo, asumindo a bondade dos argumentos do Estado, mesmo asumindo o discurso recentralizador deste a xeito de argumentario, na mellor tradición dos gobernantes colonizados

Velaí a lóxica coa que se achega, sen complexos,  o ministro de Fomento a Galicia para rexeitar o traspaso dun instrumento tan importante para a nosa calidade de vida. Mais o verdadeiramente grave é a actitude do Presidente Núñez Feijóo, asumindo a bondade dos argumentos do Estado, mesmo asumindo o discurso recentralizador deste a xeito de argumentario, na mellor tradición dos gobernantes colonizados. E arquivando “sine die” a demanda expresada por dúas veces pola unanimidade do Parlamento de Galicia, en clara sintonía coa inquedanza da amplísima maioría social.

Porque se  grave é que o Presidente nos queira confundir coa súa post-verdade, culpando ao pasado bipartito do que non é senón consecuencia da cacicada de Aznar- que prorrogou a concesión da autoestrada até 2048- máis grave é decatarmos que él e máis o PPdeG todo convertéronse en mandadiños peóns dos intereses extractivos e coloniais do PP estatal, rachando de vez o mito da influencia na Corte do PPdeG e do propio Núñez Feijóo.

Comentarios