Opinión

5-A: todo por decidir

Faltan só catro semanas para as eleccións nacionais do vindeiro 5-A e coñecemos xa un bó número de enquisas que nos achegan dados ben interesantes. Por exemplo, que case o 60% dos enquisados consideran conveniente para o País unha remuda á fronte do Goberno galego. Albíscase unha caste de empate técnico entre o PP e as tres forzas do centro-esquerda con posibllidade de quitar deputados; PSdeG, BNG e Galicia en Común, quizais con certa diferenza a prol do conxunto destas tres forzas.

As eleccións nacionais galegas son máis catro eleccións (unha por cada circunscrición) ca unha única. Velaí porque o PP aproveita a gravísima corrección maiorittaria da lei D´Hondt e a sobrerepresentación das circunscricións luguesa e ourensá, cando probábelmente teña menos votos ca as tres forzas da oposición.De todos os xeitos o conxunto das enquisas reflicten resultados entre 35 e 41 a prol do PP (38 constitúe a maioría absoluta). Mais todas as que lle outorgan 37 ou máis recoñecen que os escanos máis dubidosos de cadansúa circunscrición son os derradeiros do PP.

 Velaí o aberto desta elección. Todo fica por decidir. Se os que votaron por estas tres forzas políticas nas estatais de abril e novembro de 2019 repetisen agora estaríamos diante dunha clara vitoria da tripla opción opositora. Mais a dinámica dunha e doutra votación son ben distintas. Os concellos da periferia das grandes cidades, onde máis votan ás forzas progresistas, presentan dados de participación inferiores en oito ou dez pontos porcentuais a prol das estatais a respecto das nacionais galegas.

 As chaves para a decisión serán: i) os votos que as candidaturas de Cs e Vox-con moi incertas posibilidades de escano- lle quiten ao PP no seu prexuizo. Un 4% de Vox e un 1,8% de Cs, por exemplo, substraríanlle unha porcentaxe decisiva. ii) a aproximación-que só pode ser parcial- dos votos de Gonzalo Caballero (PSde G) aos boísimos resultados do PSOE en abril e novembro de 2010. iii) a ruptura, a forza de obter a transversalidade, por parte de Ana Pontón e do BNG dos seus supostos teitos, gañando votos no amplísimo espazo do centroesquerda e dos sectores sociais non soberanistas que, porén, consideran este país e o seu progreso e benestar como referente importante á hora de decidiren o seu voto.

Si sería preciso que as tres forzas opositoras que van quitar deputados emitisen unha mensaxe nidia ao electorado a respecto da existencia dun plan común de goberno, dunha opción común construtiva, que vai moito máis aló de botar ao Presidente Núñez Feijóo.

Comentarios