Opinión

Vitorias e derrotas no 26M

Para unha boa parte das tribunas dominantes no sistema mediático galego, o resumo do sucedido nos recentes comicios locais concretouse nunha dupla afirmación: éxito do PSdG e fracaso das Mareas. O resultado do PPdG figurou nun plano subordinado, agachado pola rotundidade dos titulares principais.

O partido de Feijóo fracasou nas sete cidades e nas deputacións

O partido de Feijóo fracasou nas sete cidades e nas deputacións. Ocupar o primeiro posto no número total de concellerías e alcaldías non é significativo á hora de establecer o balance do sucedido o 26-M. O test principal para medir as cifras do PP estaba colocado alí onde os propios dirixentes fixaron as expectativas entre os afiliados actuais e os votantes anteriores: a recuperación dalgunhas das alcaldías perdidas no 2015 (Ferrol, A Coruña, Santiago) e a conquista do poder que se acubilla nas vellas deputacións. Se, finalmente, non son quen de conservar a alcaldía de Ourense e Baltar non mantén a presidencia do organismo provincial, estaremos ante a perda de poder local mais importante do partido que controla dende hai anos a Administración galega.

As candidaturas do Partido Socialista beneficiáronse -sobre todo no ámbito mais urbano- da onda provocada pola vitoria de Pedro Sánchez o 28 de Abril. Resultados como os de Ferrol, Ourense ou A Coruña non se explican pola solvencia contrastada das equipas humanas presentadas senón pola capacidade de influencia que posúe a sigla na actual conxuntura. Agás no caso de Abel Caballero, o PSdG viviu das rendas do seu particular “primo de Zumosol” que habita na Moncloa. Haberá que ver como administra esta vitoria nos vindeiros meses e cal é o camiño que escolle para gobernar alí onde non ten a maioría absoluta.

As Mareas tiveron unha derrota indiscutíbel, sobre todo nas tres cidades que gobernaron nos últimos catro anos. Para os seus cadros dirixentes sería necesario acertar no diagnóstico do sucedido antes de postular liñas de acción para o futuro. A tentación de sobrevalorar a importancia causal dos que poderiamos chamar “factores esóxenos” (primordialmente dous: a belixerancia continuada de certos grupos mediáticos e a resurrección socialista propiciada por P. Sánchez) pode impedir a ponderación adecuada dos “factores endóxenos”. Os responsábeis das candidaturas que concorreron nas sete cidades deberían avaliar a repercusión de tres circunstancias determinantes: unha lectura desacertada dos resultados acadados no 2015; os niveis inexplicábeis de cainismo presentes no interior dese espazo político e as eivas rexistradas na xestión dos gobernos municipais. Os apoios recibidos hai catro anos pola Marea Atlántica e Compostela Aberta -por citar só dous casos-, eran votos dunha confianza conxuntural de persoas que estaban desencantadas pola forma de gobernar -corrupción incluída- dos partidos mais tradicionais ou revelaban unha ruptura mais fonda, mais sistémica, presente nunha parte do corpo social? Non afinar na resposta a semellante interrogante podía levar aparellada unha mala administración do capital electoral recibido (por exemplo: nin MA nin CA formularon, no momento inicial, unha proposta de goberno de coalición ao Partido Socialista e optaron por camiñar en solitario) . E no relativo ás liortas internas, non hai dúbida de que unha boa parte dos votantes do 2015 non podían entender -e moito menos apoiar- o espectáculo de autodestrución que se desenvolveu con moita frecuencia nos escenarios públicos.

Para completar o cadro da situación postelectoral, é preciso constatar que o BNG apenas mellorou cuantitativamente os resultados anteriores -a pesar das oportunidades que lle ofrecía a desfeita das Mareas- pero ratificou a relevancia da súa implantación territorial e confirmou a continuidade da súa presenza no goberno de tres deputacións, principal referencia do poder institucional que xestiona, actualmente, a organización nacionalista.

Polo demais, a irrelevancia de VOX e a cativa incidencia de C’s no mapa municipal galego demostra que, hoxe por hoxe, non existen apoios significativos para quen propón unha recentralización salvaxe e/ou a minoración notábel dos niveis de recoñecemento legal dos sinais da identidade lingüístico cultural da nación galega.

Comentarios