Opinión

Un ano de pandemia

Estase cumprindo, agora, un ano dende o comezo da pandemia sanitaria. Pouco tempo se consideramos a perspectiva dos prazos que se computan nas mudanzas que se rexistran na historia. Moito tempo, porén, se manexamos as referencias psicolóxicas das persoas que atravesamos esta ruta incerta que nos deparou o destino.

A pandemia tivo -está tendo- unha dimensión mundial aínda que as consecuencias prácticas da súa existencia varían en función da situación na que se atopaban, previamente, os distintos países. Con carácter xeral, pódese afirmar que o coronavirus consolidou e/ou alimentou as desigualdades entre as persoas (por motivos socioeconómicos, por razóns de xénero, polas identidades raciais...) e tamén entre os territorios. A partir deste denominador común, apareceron as singularidades vinculadas ao estado que presentaban as redes de prestación de servizos públicos (primordialmente os sanitarios e os de atención ás persoas maiores e dependentes) e os sistemas de investigación de novas vacinas e fármacos para combater a doenza.

Se nos cinguimos ao ámbito do Estado español, os meses transcorridos revelaron as insuficiencias dos distintos sistemas sanitarios. Nalgúns casos (Comunidade de Madrid, Cataluña, Galiza...) eran de dominio público porque foran reiteradamente denunciadas por moitas organizacións sindicais e cívicas (lémbrense as manifestacións masivas promovidas, no noso país, pola plataforma SOS Sanidade Pública); noutros -nomeadamente o País Vasco- as eivas resultaron máis sorprendentes dado o maior financiamento realizado nas últimas décadas. Neste ano tamén puidemos visualizar as graves carencias nos coidados ás persoas maiores: o gran volume de falecementos rexistrado nas residencias foi unha durísima moción de censura para gobernantes e dirixentes empresariais que fixeron posíbel un modelo baseado na aceptación da lóxica do beneficio privado por riba do medre substancial dos recursos públicos asignados a semellante servizo de benestar.

O funcionamento da estrutura territorial do Estado foi posto a proba nestes meses de pandemia por mor da relevancia competencial das Comunidades Autónomas (CCAA) na prestación daqueles servizos públicos máis requiridos polos efectos da crise. As tensións entre o Goberno central e os executivos das CCAA demostraron que, mais alá das limitacións asociadas ao modelo de reparto do poder contemplado no texto constitucional e nos distintos Estatutos, non están consolidados os niveis de cooperación e lealdade institucional tradicionalmente asociados aos sistemas de orientación federal. Hai que deixar constancia, en todo caso, dunha circunstancia rechamante: nunha situación tan excepcional como a vivida dende marzo de 2020 non existiu unha corrente de opinión maioritaria -tanto no ámbito da política como no universo mediático- que reclamara cambios legais para facer posíbel unha recentralización das competencias actualmente atribuídas ás CCAA. En diversos momentos houbo alusións despectivas á descentralización vixente (o suposto caos derivado dos “17 estados de alarma”) pero non tiveron a suficiente entidade e continuidade como para conformar unha alternativa social e política que puidese achegar unha preocupante involución fronte ao que hoxe existe.

As alteracións que provocou a pandemia nas condicións materiais -e mesmo emocionais- nas que están a desenvolver a súa vida millóns de persoas, tiveron tal envergadura que suscitaron lóxicas interrogantes sobre os hipotéticos cambios no comportamento político dos diversos sectores sociais concernidos. No ámbito xeográfico estatal realizáronse tres citas electorais previstas con anterioridade (Euskadi, Galiza, Cataluña) e agora aparece, no horizonte do vindeiro mes de maio, unha nova (Madrid), que non figuraba nos calendarios preestablecidos. O denominador común dos resultados dos comicios xa celebrados -o mantemento das respectivas maiorías gobernamentais- semella indicar que, polo momento, a experiencia pandémica non revolucionou o reparto das influencias electorais.

Comentarios