Opinión

Luces Vermellas

Para cualificar a calidade dos resultados do BNG nas eleccións europeas do pasado 25 de Maio resulta determinante considerar as expectativas previas existentes.No seo do corpo organizado desta formación predominaban as dúbidas e o temor a que houbese unhas cifras peores das que, finalmente, saíron das urnas. 

Para cualificar a calidade dos resultados do BNG nas eleccións europeas do pasado 25 de Maio resulta determinante considerar as expectativas previas existentes.No seo do corpo organizado desta formación predominaban as dúbidas e o temor a que houbese unhas cifras peores das que, finalmente, saíron das urnas. Nese sentido, é comprensíbel a escena de máxima satisfacción manifestada durante a noite electoral por mais que presente serias contraindicacións de cara aos sectores que, votando ao Bloque no pasado, decidiron non facelo nesta ocasión. Os manuais clásicos da comunicación electoral establecen que as comparecencias públicas inmediatamente posteriores á celebración dos comicios constitúen o primeiro acto da conquista de credibilidade cara ás seguintes consultas. O nacionalismo galego, nos últimos vinte anos, acumula unha experiencia suficientemente demostrativa da veracidade de semellante aserto.

"O Bloque dispuña dun capital diferencial na figura de Ana Miranda, avalada por un traballo continuado e integrador no Europarlamento, para tratar de neutralizar os factores adversos".

O BNG acudía a esta cita electoral nunhas condicións certamente complicadas. Ademais da división rexistrada no universo nacionalista durante o ano 2012 e da derrota padecida nas últimas autonómicas (co simultáneo éxito acadado por AGE), a opción adoptada en favor dunha coalición con EH-Bildu non resultaba atractiva para asegurar a recuperación dunha parte significativa dos vellos apoios perdidos.A cambio, o Bloque dispuña dun capital diferencial na figura de Ana Miranda, avalada por un traballo continuado e integrador no Europarlamento, para tratar de neutralizar os factores adversos descritos.

Os case 80.000 votos recibidos mais os bos números conseguidos por EH-Bildu fixeron posíbel a importante presenza parlamentar que estaba en xogo.Ademais, a distancia do BNG con Age diminuíu a respeito do sucedido en Outubro do 2012. En troques, a perda da posición relativa no ranking electoral por mor da aparición espectacular de Podemos, agravou a debilidade estrutural que padece, dende hai algún tempo, a organización nacionalista que chegou a superar ao PSOE na provincia de Pontevedra nas eleccións europeas de 1999.

"A distancia do BNG con Age diminuíu a respeito do sucedido en Outubro do 2012. En troques, a perda da posición relativa no ranking electoral por mor da aparición espectacular de Podemos, agravou a debilidade estrutural que padece, dende hai algún tempo, a organización nacionalista" 

O sinal mais distintivo do 25-M foi o notábel desgaste padecido polo bipartidismo dominante e, nomeadamente, a transferencia dun volume relevante de votos socialistas a outras opcións colocadas no ámbito da esquerda e do nacionalismo. A pesar desta circunstancia singular, o BNG non foi quen de captar o apoio desas persoas que desexaban expresar o seu malestar coa situación na que viven e co papel desempeñado pola equipa dirixente de Rubalcaba.Neste sentido, a desafección iniciada nas autonómicas de 2012 continuou operando activamente no seo do electorado do Bloque (perda de mais de 60.000 votos nese espazo temporal) sen que as condicións favorábeis creadas polas crises doutras formacións competidoras –PSOE e Anova- foran aproveitadas en beneficio dunha ampliación, sequera mínima, da influencia electoral.

Dende hai dous anos, o nacionalismo galego ten un problema que non tiña antes:a cristalización dunha división sobre a que non existe un diagnóstico común.Esta circunstancia hipoteca seriamente as posibilidades de éxito da traxectoria futura do BNG e dos demais segmentos procedentes do anterior tronco unitario. Existe vontade real para acometer un proceso de reconstrución ou refundación? Polo momento non hai síntomas que permitan dar unha resposta afirmativa. En todo caso, se algún día tal perspectiva presenta indicios de verosimilitude será porque a totalidade dos grupos involucrados aceitan construír algo novo sobre a extinción das siglas e das estruturas orgánicas anteriores.

"Existe vontade real para acometer un proceso de reconstrución ou refundación? Polo momento non hai síntomas que permitan dar unha resposta afirmativa"

As eleccións municipais de Maio de 2015 colocan outra interrogante enriba da mesa:será posíbel argallar algunha fórmula de entendemento entre todas as forzas que se sitúan á marxe do PP e do Partido Socialista? Obviamente, só existirá algunha viabilidade se os grupos implicados desexan realmente intentar semellante concertación.De non ser así, cada quen utilizará os seus recursos e deberá asumir as consecuencias derivadas das súas decisións.

O BNG tería que valorar adecuadamente o que está en xogo porque non ten a marxe de tempo da que dispuña no pasado.As luces vermellas están acesas.A drástica redución da súa relevancia electoral –recibir entre un 5% e un 8% dos votantes- é un risco moi serio que pendura sobre as tres citas pendentes (municipais, xerais, autonómicas) até o outono de 2016.Lembrar que esta mesma organización política, hai dúas décadas, disputaba –e obtiña durante oito anos- a condición de segunda forza no Parlamento do Hórreo semella unha fantasía derivada da imaxinación do comentarista.

Xesús Veiga

Comentarios