Opinión

O test grego

Estamos ante un feito inédito. Até agora non ocorreu algo semellante na historia recente da Europa occidental: o goberno de Grecia vai estar presidido polo dirixente dun  partido de esquerdas que non se sitúa na corrente oficial de matriz socialdemócrata.

Estamos ante un feito inédito. Até agora non ocorreu algo semellante na historia recente da Europa occidental:o goberno de Grecia vai estar presidido polo dirixente dun  partido de esquerdas que non se sitúa na corrente oficial de matriz socialdemócrata. E por iso que a vitoria de Syriza abre notábeis incertidumes sobre as dinámicas futuras no seo da UE ademais de representar unha esperanza e un estímulo para millóns de persoas que padecen o empobrecemento derivado da crise económica que percorre boa parte do territorio europeo.

"Estamos ante un feito inédito:o goberno de Grecia vai estar presidido polo dirixente dun  partido de esquerdas que non se sitúa na corrente oficial de matriz socialdemócrata".

No Estado español, as baterías mediáticas comezaron o seu traballo dende a propia convocatoria electoral no País heleno. Diversos creadores de opinión avisaron das supostas consecuencias apocalípticas que provocaría un eventual trunfo da forza dirixida por Alexis Tsipras. Agora, consumado o resultado que temían, continúa a ofensiva coa vista posta, ademais, nos efectos inducidos que puideran aparecer no escenario da política española.

Constitúe un insulto á intelixencia comprobar que os mesmos que acusan a Tsipras de encabezar unha oferta programática de imposíbel cumprimento non foron quen de reparar que Mariano Rajoy –nos comicios xerais de 2011- prometeu certas medidas económicas que non podería aplicar. E se , despois, apoiaron o argumento exculpatorio da herdanza recibida dos gobernos de Zapatero, qué deberían recoñecer nos vindeiros días sobre o tráxico balance dos mandatos de Samarás e Papandreu?.

O sucedido coas urnas gregas coloca un test de grande relevancia no taboleiro da UE: acéitase ou non a vontade democrática dunha sociedade cando se expresa mediante o sufraxio universal? Certamente, poden existir pronunciamentos democráticos contraditorios:a maioría do electorado alemán ou finés apoiou a forzas partidarias da política económica dominante no espazo da UE. A menos que se considere que unhas consultas electorais son mais lexítimas que outras, o que se impón é un proceso de diálogo e negociación entre os respectivos responsábeis políticos.En pé de igualdade, sen hexemonismos ditados por poderes económicos que non se someten periodicamente ao veredicto da cidadanía.

"O sucedido coas urnas gregas coloca un test de grande relevancia no taboleiro da UE: acéitase ou non a vontade democrática dunha sociedade cando se expresa mediante o sufraxio universal?"

Os que se escandalizan coa opción tomada por un sector maioritario dos votantes de Grecia asumen o fundamentalismo que predican –e practican- os representantes da troika: para eles non hai salvación fora do particular modelo de construción europea que están promovendo. Por iso non dubidan en recorrer á mentira, caricaturizando a Syriza como unha organización defensora da saída do euro e mesmo da UE. As inmediatas declaracións do presidente do Bundesbank, cuestionando as novas políticas comprometidas por Tsipras, son ilustrativas do fanatismo que exhiben os defensores do statu quo comunitario.Carecen do pudor democrático que cabe esixir a calquera responsábel institucional:se os resultados das urnas non son os que queren, ameazan con boicotear aos mandatarios electos.Samarás era o seu home en Atenas. E a Mariano Rajoy encargáronlle desempeñar o triste papel do mensaxeiro enviado para apoiar a un previsíbel derrotado.

Un dos lugares comúns mais invocados polos apoloxetas da troika é a lembranza dos exercicios de “contabilidade creativa” realizados pola elite política grega para agachar os dados reais da súa situación económica.A falta de mellores argumentos, practicase unha memoria selectiva.Por unha banda non se alude aos autores desas trampas:os dirixentes de Nova Democracia e do Pasok, asesorados por Goldman Sachs, un banco de investimento cuxo vicepresidente para Europa –entre 2002 e 2006- foi  o mesmísimo Mario Draghi.Ou sexa:as trapalladas contábeis foron consentidas polo aparello dirixente de Bruxelas.E ademais, non se aporta outra circunstancia relevante:a inxenería  coas  contas tamén se fixo no Estado español e noutros países candidatos a figurar no club da nova moeda común.

"A non presenza de mulleres entre as persoas encargadas de dirixir as distintas areas executivas constitúe un grave erro que debilita a credibilidade do proxecto transformador que representa Syriza".

Syriza é filla da historia recente de Grecia. As fotocopias, na acción social e no labor político, non funcionan. En todo caso, a complicada batalla de Tsipras e da súa xente vai ter lugar no escenario da UE. Estamos, pois, interpelados todas aquelas persoas que postulamos outro modelo de construción da UE.O éxito ou o fracaso da experiencia que agora comeza tamén depende do que se faga aquí, en Berlín, en París, en Londres , en Roma ou en Lisboa.

Xesús Veiga

PD.  Cando escribín estas liñas non coñecía a composición do novo goberno grego presidido por Alexis Tsipras. A non presenza de mulleres entre as persoas encargadas de dirixir as distintas areas executivas constitúe un grave erro que debilita a credibilidade do proxecto transformador que representa Syriza.Esta inxustificábel marxinación é unha pésima pedagoxía para quen desexamos un horizonte liberador para os distintos pobos europeos.

Comentarios