Opinión

Tecer e destecer

A recente decisión de abandonar ANOVA adoptada  pola maioría das persoas afiliadas á corrente CERNA semella confirmar a tese de que o nacionalismo galego moderno padece unha singular versión do síndrome de Penelope.

A recente decisión de abandonar ANOVA adoptada  pola maioría das persoas afiliadas á corrente CERNA semella confirmar a tese de que o nacionalismo galego moderno padece unha singular versión do síndrome de Penelope. A Asemblea do BNG celebrada en xaneiro do ano 2012 marcou un punto de inflexión no proceso de construción dunha casa común nacionalista rexistrado nas dúas décadas precedentes .As interpretacións do sucedido en Amio foron –e seguen sendo- moi diverxentes.Para os que abandonaron o Bloque –e para a maioría dos grupos que ficaron na organización- a ruptura era necesaria pola imposibilidade da convivencia e/ou pola dimensión das diverxencias políticas existentes. Para outros –entre os que me atopo- o divorcio constituía un grave paso atrás derivado da insuficiente vontade de concertación para recrear os desgastados denominadores comúns e non aseguraba unha mellor posición relativa das partes nas que se dividía o corpo principal.

"Repítense situacións e conflitos que evocan episodios coñecidos do pasado. A relevante división operada no seo do BNG a partir de xaneiro de 2012 e as recentes vicisitudes vividas en Anova visualizan a persistencia deste negativo fenómeno".

Hai 50 anos, o nacionalismo político moderno tomaba corpo organizativo en dous partidos –UPG e PSG- que serían unha referencia básica dese momento fundacional. Non se pode descoñecer a importancia que tivo a dispoñibilidade militante na construción de proxectos políticos que fixeron da liberación nacional de Galiza o cerne da súa identidade existencial. Sen esa forte vontade inicial dun número significativo de cadros non tería existido a posterior consistencia organizativa exhibida polo nacionalismo galego.Mais tamén resulta indiscutíbel afirmar que o percorrido histórico deste movemento estivo inzado de moitos exemplos de sectarismo que provocaron importantes efectos destrutivos no proceso de acumulación de forzas organizadas arredor das ideas de liberación nacional e social que se invocaban nos programas iniciais.

Tense dito, con razón, que o cainismo é un dos sinais definitorios do proceso de configuración do nacionalismo galego da segunda parte do século XX. Instalados xa no século XXI, repítense situacións e conflitos que evocan episodios coñecidos do pasado. A relevante división operada no seo do BNG a partir de xaneiro de 2012 e as recentes vicisitudes vividas en Anova visualizan a persistencia deste negativo fenómeno.

Cando algo se repite con tanta frecuencia debería provocar unha demorada e sistemática reflexión a respeito das características do discurso ideolóxico conformado nas últimas décadas. Velaquí unha tarefa pendente no universo nacionalista:analizar autocriticamente o propio pasado e reconstruír o ideario mediante a identificación e depuración daquelas formulacións que teñen propiciado o mantemento de prácticas excluíntes como unha especie de identidade xenética do movemento nacionalista.

"Se todos os vectores que integran o nacionalismo galego queren saír deste círculo vicioso deberán acometer unha estratexia de refundación que sexa quen de xerar unha nova ilusión" 

Tecer e destecer.Construír e destruír.Se todos os vectores que integran o nacionalismo galego queren saír deste círculo vicioso deberán acometer unha estratexia de refundación que sexa quen de xerar unha nova ilusión entre aqueles sectores sociais que poden simpatizar e/ou apoiar un proxecto político que recolla as mellores tradicións aportadas polo movemento nacionalista nos últimos 50 anos.Os sinais que se están emitindo non camiñan, certamente, nesa dirección.Prefírese, hoxe por hoxe, asentar núcleos organizados mais homoxéneos aínda que resulten mais cativos e optase por debuxar liñas divisorias moi estritas no canto de buscar denominadores comúns no armario político e ideolóxico compartido durante tantos anos.

No corpo social, fora dos circuítos mais informados, non se comprende ou non se comparte a dinámica autodestrutiva exhibida nos tres últimos anos.E cando isto sucede, a desconexión entre a elite nacionalista e o seu electorado potencial medra notabelmente.As distintas tripulacións están avisadas.Non poden alegar ignorancia.

Comentarios