Opinión

O sistema moral de Cayetana Álvarez

A designación de Cayetana Álvarez de Toledo como portavoz do Grupo Parlamentario do PP no Congreso dos Deputados causou máis polémica que sorpresa. Sabíase que Pablo Casado ía optar por dar protagonismo a esta deputada, con plena consciencia do seu perfil e do seu percorrido político previo: aznarista convencida, moi crítica coa xestión de Mariano Rajoy, defensora dun españolismo militante en Cataluña para tentar deter a perda de votantes “populares” cara a Cidadáns, belixerante contra o “sanchismo” -ate o punto de considerar que o actual PSOE está fóra do constitucionalismo que atribúe, en cambio, a PP e C' s-, partidaria da confrontación permanente nos medios e sen agachar a súa falta de sintonía con figuras como Núñez Feijóo.

A última declaración incendiaria de Cayetana Álvarez foi dirixida contra quen establece unha simetría entre pactar -por activa ou por pasiva- con Vox e con Bildu. Para ela esa simetría é “infame” porque “o único partido que non está no sistema moral español é Bildu”.

Para esta dirixente do PP, Vox si está no “sistema moral español”

Hai unha primeira conclusión que resulta obvia: para esta dirixente do PP, Vox si está no “sistema moral español”. A pregunta é pertinente e requiriría unha resposta urxente: que entende esta portavoz por semellante denominación? Se falase do sistema político español, a cousa estaría máis clara, aínda que, en tal caso, non concordaría coa súa tese: na actualidade, Bildu e Vox son formacións legalizadas que teñen representación en distintas institucións e que, por tanto, integran o mapa político vixente no Estado español.

Se entendemos a moral como o conxunto de valores que, nun momento histórico dado, son compartidos pola grande maioría dunha determinada sociedade, a señora Álvarez de Toledo meteuse nun labirinto que ten unha difícil saída na dinámica política realmente existente. Poderiamos identificar algunhas regras de conduta que suscitan, hoxe, un elevado nivel de consenso social: non practicar a violencia; non roubar; non mentir na acción pública; non discriminar por razón de sexo, de crenzas relixiosas ou de ideoloxías; defender a igualdade de oportunidades fronte á aceptación fatalista dunha orde social desigual…

Cre esta deputada que só Bildu habita fóra dese hipotético consenso moral? As repetidas prácticas corruptas rexistradas no PP, o uso habitual da mentira na vida política ou o programa actual de Vox, entrarían perfectamente nese “sistema moral español”?

Cayetana Álvarez pretende descualificar ao PSOE porque non rexeitou a abstención de Bildu no Parlamento navarro (ou no Congreso), amparándose no feito certo de que esta organización non condenou a violencia practicada por ETA nas últimas décadas. Con todo, acepta como natural que o seu partido pacte cunha forza - Vox- que nunca condenou o levantamento militar violento de Franco en 1936 contra o réxime democrático da II República. Esta dobre vara de medir tamén resulta visíbel se facemos unha pequena viaxe histórica pola época na que José María Aznar aceitou un proceso de diálogo e negociación -a través de diversos intermediarios- con ETA, iniciativa que finalmente non concluíu cos resultados desexados.

Cecais a señora Álvarez ten preparada algunha sorpresa nas vindeiras semanas. Por exemplo: cualificar como “infamia” aquela decisión do seu admirado Aznar. Ou, talvez, remate por recoñecer como propia a vella práctica da dupla moral.

Comentarios