Opinión

Salvar ao soldado Baltar?

O 11 de Novembro, o día de San Martiño, Núñez Feijoo tiña dúas citas relevantes na súa axenda


O 11 de Novembro, o día de San Martiño, Núñez Feijoo tiña dúas citas relevantes na súa axenda: pola mañá debía respostar no pazo do Hórreo ás preguntas da oposición sobre o “affaire” Baltar e ao remate do serán exhibiría a súa adicción ás tribunas mediáticas madrileñas mediante unha conferencia no club Século XXI. Os asesores presidenciais decidiron botar man das comparacións para facer un catálogo de argumentos que permitiran aplicar a vella táctica de buscar a mellor defensa a través do ataque aos adversarios.

O resultado ficou moi lonxe das pretensións. O debate parlamentario foi unha ocasión perdida para demostrar a teórica solvencia democrática do máximo mandatario galego: no canto de admitir que, mais alá das consecuencias xurídicas, o contido das gravacións aportadas pola denunciante non resultan compatíbeis coa estatura moral esixíbel a un dirixente do PPdG, Feijoo erixiuse no repartidor da importancia de cada temática e decretou que o desemprego e a situación de Catalunya son asuntos mais relevantes que o comportamento de X.M. Baltar. Noutras palabras: para o presidente da Xunta, a decencia dos responsábeis políticos no exercicio dos seus cargos é menos importante que outras circunstancias. Podía atribuírlles unha transcendencia semellante pero non foi así: colocounas nunha posición subordinada no seu particular ranking valorativo.

O vello Baltar xa coñece moi ben o ritmo lento da xustiza que opera no territorio ourensán

Na conferencia de Madrid, os asesores quixeron conseguir o titular que sorprendera a uns medios que xa están pasados de revolucións no tema catalán. Por iso as caricaturescas comparacións verbalizadas por Alberto Núñez (igualar o de Catalunya co 23-F e coa actividade de ETA) non pasaron de figurar nos currunchos menos visíbeis das crónicas do día.

A coartada das responsabilidades xudiciais é un refuxio clásico que se volve utilizar para botar terra sobre a grave denuncia formulada contra o presidente da deputación da Ourense. O vello Baltar xa coñece moi ben o ritmo lento da xustiza que opera no territorio ourensán. O problema, para o fillo, non son os prazos legais, senón as urxencias políticas. Se as gravacións non son retiradas, non hai dúbida sobre o expreso recoñecemento que se fai nas mesmas a respecto das lóxicas clientelares que rexen na deputación que veñen usufrutuando os membros do clan Baltar. A dimisión non é unha opción:é o menos que se pode pedir a un representante político que administra recursos públicos e que prometeu cumprir a letra e o espírito que dimana dos textos básicos que sustentan o sistema democrático.

Pero é que ademais, X.M. Baltar e o PP cometeron a grave provocación de boicotear –coa súa inasistencia- o pleno extraordinario que debía debater o comportamento do presidente da deputación. Semellante conduta fica fóra de calquera parámetro de normalidade institucional. Coloca ao dirixente do PP nunha rebeldía práctica fronte ás súas obrigas como gobernante.

Neste asunto, Núñez Feijoo está escribindo unha páxina penosa. No canto de facer uso da súa autoridade e promover a renuncia de Baltar, preferiu botar man de burdos xuízos exculpatorios que desprazan a responsabilidade á muller que fixo público o sucedido. Se o presidente da Xunta non quere actuar por medo a que a familia Baltar monte un partido en Ourense que lle reste votos nas vindeiras campañas electorais, está demostrando a fraxilidade das súas conviccións e os limites do seu pretendido liderado no partido.

Se ademais de todos os casos de corrupción coñecidos, X.M. Baltar come o turrón como presidente da deputación de Ourense, o PPdG perderá toda a credibilidade política que pregoa nestas vésperas electorais. E o corpo social da provincia deberá demostrar, nas urnas, cal é o estado da súa saúde moral. Porque, neste asunto, ninguén poderá alegar ignorancia.

Comentarios