Opinión

Salto cualitativo

En materia de corrupción, os últimos tres meses presentan unha evolución espectacular, unha aceleración vertixinosa.

En materia de corrupción, os últimos tres meses presentan unha evolución espectacular, unha aceleración vertixinosa. Para os amantes das teorías conspirativas debe ser un auténtico pracer poder contabilizar, en menos de 90 días, o caso Pujol, os “cartóns negros” de Bankia e o agachado patrimonio millonario de Fernández Villa, o mítico dirixente do SOMA-UXT.Atopar o fío condutor explicativo deste sumatorio mediante a resposta á coñecida pregunta (“quid prodest?”) provocaría un despropósito argumental. Aceitando que PODEMOS é, hoxe por hoxe, a principal opción capaz de rendabilizar as indignacións adicionais provocadas por esta nova colección de escándalos, resultaría surrealista atribuír a secuencia temporal do seu coñecemento a presuntas manobras dos valedores da organización que encabeza Pablo Iglesias.

"En menos de 90 días, o caso Pujol, os “cartóns negros” de Bankia e o agachado patrimonio millonario de Fernández Villa, o mítico dirixente do SOMA-UXT"

Sexa como consecuencia de múltiples axustes de contas ou dunha reacción atribuíbel ao novo clima social existente nesta materia, o certo é que estamos ante algo semellante a un salto cualitativo na esfera da corrupción. A evidente transversalidade dos protagonistas destes episodios multiplica a desconfianza xa instalada en amplos sectores da opinión pública. Jordi Pujol e Fernández Villa son referentes simbólicos presentes na vida social e política dos seus territorios dende os primeiros anos do posfranquismo. Os “cartóns” de Bankia certifican –mais alá dunha eventual conduta delitiva asociada ao uso dos mesmos- a pésima catadura moral de persoeiros pertencentes ao PP, PSOE, IU, UXT, CCOO, organizacións empresariais e á propia Casa Real. Predicadores das bondades esenciais do liberalismo económico (Alberto Recarte e Juan Iranzo) e teóricos defensores de políticas públicas instaladas nos postulados históricos da socialdemocracia ou da esquerda de tradición comunista (Moral Santín e dirixentes dos grandes sindicatos de ámbito estatal) ficaron unidos na santa alianza con Blesa a cambio da utilización discrecional dos fondos dunha entidade –Cajamadrid- que non era formalmente unha empresa privada senón que pretendía destinar os beneficios a obras sociais e culturais.Unha distancia sideral entre as proclamas habituais desta elite e a obscena práctica que agora coñecemos.

"Cómo é posíbel que estas persoas actuaran deste xeito durante tantos anos? Só é verosímil semellante comportamento se consideramos o contexto de complicidade no que se movían". 

Cómo é posíbel que estas persoas actuaran deste xeito durante tantos anos? Só é verosímil semellante comportamento se consideramos o contexto de complicidade no que se movían. Ademais das evidentes e graves carencias e/ou deficiencias existentes nos mecanismos de control esixíbeis a unha democracia de calidade, houbo unha indiscutíbel tolerancia social con estas prácticas. A corrupción nos ámbitos da política, do sindicalismo ou das actividades empresariais non se pode manter no tempo sen un determinado nivel de comprensión ou participación de sectores da propia sociedade. Por iso, o proceso de rexeneración require medidas e transformacións en diversos campos:novas leis, mellor funcionamento dos organismos encargados de vixiar o funcionamento das institucións públicas, cambios nas organizacións políticas e sindicais (formas de selección dos cargos, revogación, limitación de mandatos…). Ao cabo, todo iso será viábel na medida na que se consolide unha nova cultura cívica que penalice rapidamente calquera reprodución ou continuidade de todas as miserias que están agromando nos últimos anos.
 

Comentarios