mércores 24/02/21

O relato triunfal de Feijoo

O balance que está publicitando Núñez Feijóo do labor que fixo o seu Goberno durante a crise sanitaria agacha, deliberadamente, todos aqueles aspectos que poidan arruinar o relato triunfal da súa xestión. Cómpre recoñecer que semellante actitude non resulta sorprendente: dende que chegou a San Caetano, no ano 2009, aplicou a mesma lóxica argumental. As boas novas —moi poucas, certamente— había que apuntalas no haber das súas acertadas decisións; os erros e as omisións eran responsabilidade da herdanza do bipartito, da crise económica mundial e, dende 2018, do Goberno presidido por Pedro Sánchez.

Con estes antecedentes, non se podía agardar ningunha caste de autocrítica no presidente da Xunta e moito menos no período previo a unha cita electoral na que se xoga o ser ou non ser da súa carreira política. O que resulta máis revelador, en termos de saúde democrática, é o silencio ou a benevolencia rexistrada na opinión publicada. A gran maioría dos analistas aceitaron a tese emanada dende os departamentos de propaganda da Xunta: a menor afectación da pandemia no territorio galego (singularmente, nas porcentaxes de persoas contaxiadas e falecidas) foi debida á eficacia na xestión do Goberno galego. Invócase, como gran factor explicativo, o adianto —a respecto do sucedido no conxunto do Estado— na adopción de medidas preventivas fronte á pandemia. Na realidade, Núñez Feijóo estableceu a alerta sanitaria na Galiza só 24 horas antes de que Sánchez anunciara a instauración do estado de alarma. Obviamente, semellante prazo temporal non explica o menor nivel de contaxios cando se sabe que existe un período aproximado de incubación de dúas semanas. Poucos días antes de aquel 14 de Marzo, o PPdG organizou actos preelectorais coa presenza de dirixentes estatais desprazados dende Madrid (foi o caso, por exemplo, de Ana Pastor, posteriormente afectada pola Covid-19) e con total normalidade por canto non estimaron os riscos que despois motivaron as drásticas decisións adoptadas.

Pendentes de análises sistemáticas ditadas con maior distancia temporal, non se poden fundamentar as boas cifras galegas nunha xestión virtuosa do gabinete Feijóo. Son outros os factores explicativos fulcrais: menores dimensións dos conglomerados urbanos galegos, as características singulares do asentamento poboacional, menor nivel de contactos —nas semanas previas— con persoas residentes en territorios cun elevado nivel de incidencia da pandemia... Onde, teoricamente, o Goberno galego podía establecer unha diferenza favorábel á súa reputación xestora non o conseguiu: a rede de Atención Primaria sufriu as carencias de tantos anos de restricións orzamentarias e as residencias das persoas maiores constituíron, tamén, o principal foco de contaxios e mortes provocados polo coronavirus (nin existiu unha actuación preventiva dos responsábeis políticos nin houbo eficacia no control gobernativo das condicións realmente existentes nos centros residenciais de xestión privada).

O presidente da Xunta aproveitou a gran cota de pantalla que tivo durante o estado de alarma para facer uso das súas coñecidas trécolas comunicativas: ademais de atribuír ao Goberno Sánchez todas as insuficiencias e incertidumes rexistradas naquelas semanas, sempre formulou un catálogo de propostas dirixido ao executivo de Estado para utilizalas ben como factor de desgaste —se non se acometían— ou para compartir a súa rendibilidade social se finalmente se abrían paso no BOE.

O fracasado intento de regular o acceso ás praias (sen acordalo previamente cos concellos afectados) e a frívola iniciativa de ofrecer un cheque ao persoal sanitario para apoiar ao sector da hostalaría —no canto de promover unha retribución salarial extraordinaria polo esforzo adicional realizado e proceder a unha mellora substantiva nos modelos de contratación dos recursos humanos dispoñíbeis— son dous exemplos que retratan os verdadeiros límites das pretendidas bondades xestoras do Goberno de Feijóo nesta grave crise.

comentarios