Opinión

O renacemento do feminismo

O sucedido no recente 8 de Marzo foi a confirmación da extraordinaria vitalidade demostrada un ano antes nas masivas mobilizacións convocadas polas organizacións feministas. Tal circunstancia provocou o nerviosismo e a máxima belixerancia nos grupos políticos e nos opinadores mais conservadores.

Por iso, conviría rescatar algunhas evidencias. Mais alá das diferentes orientacións que habitan no seu interior, feminismo é un termo que se identifica coa loita das mulleres por conseguir os seus dereitos. No ámbito do Estado español, o movemento feminista naceu e colleu forza na década dos 70 do pasado século.  O feminismo é, en primeiro lugar, un movemento reivindicativo e de denuncia. Dende esta perspectiva, expresouse de xeito inequívoco e claro: no século XX, as mulleres non gozaron dos mesmos dereitos nin da mesma consideración social que os homes. O seu papel estivo restrinxido, en liñas xerais, ao de esposa (subordinada) e nai, coidadora do fogar, e a súa implicación na vida pública, na actividade produtiva e na actividade cultural estivo limitado polo seu rol principal de esposa e nai e escurecido por unha visión masculina da historia. E todo iso nun marco no que a heterosexualidade é norma, apenas cuestionada, que define os límites nos que as mulleres – e os homes– verán transcorrer as súas vidas.  Esta situación implica, ademais dunha violación flagrante de dereitos humanos, a imposibilidade de que as mulleres acaden unha plena realización persoal e unha verdadeira autonomía e, ademais, sométeas ao risco de sufrir a violencia por parte de quen teñen unha posición de dominio sobre elas (pais, maridos, xefes...).

Na nosa contorna xeográfica mais próxima é constatábel que a posición das mulleres experimentou significativos avances, froito da loita feminista, do desenvolvemento das ideas democráticas, da mellora das condicións de vida dun número importante de persoas, da reflexión e dos cambios de actitude rexistrados no universo masculino, da irrupción na vida social, cultural, produtiva e política de moitas mulleres, da súa meirande independencia económica e autonomía persoal...  Porén, resulta indiscutíbel que aínda hai un longo camiño pendente para ser percorrido. Son moitas as mulleres que non acadaron estes avances ou que lles chegaron de xeito insuficiente.  Aí están o desemprego feminino endémico, a precariedade do traballo, a fenda salarial, a feminización da pobreza. Estamos aínda lonxe da autonomía económica das mulleres e da equiparación salarial. O medre de grandes bolsas de marxinación social, como as das inmigrantes ou as das mulleres que exercen a prostitución, amosan que os máis elementais dereitos humanos son alleos a moitas delas. Se ben o acceso das mulleres a postos relevantes no mundo profesional, económico e político mellorou, as cifras son teimosas e a desigualdade é moi contundente aínda nos campos de meirande peso social e económico. As ideas conservadoras sobre o lugar que deben ocupar na familia e a resistencia masculina a adoptar un papel máis activo no traballo doméstico, así como a atención a nenos e anciáns, seguen a supoñer un imporante atranco para a realización das mulleres. A violencia é unha manifestación extrema da opresión e o menosprezo que sofren tantas mulleres de xeito cotiá no noso mundo. A norma heterosexual imposta e, xa que logo, a homofobia, seguen marxinando e negando dereitos lexítimos ás persoas que manifestan unha opción sexual diferente.

Os movementos sociais expresan as ideas, as reivindicacións ou os desexos de cambio dunha parte da sociedade, asentándose fóra das institucións políticas. Os movementos sociais actuaron repetidamente como unha fonte promotora da mudanza social e política. Até os anos sesenta do século XX o movemento sindical foi o máis masivo e estábel. A partir de entón, apareceron con forza os chamados novos movementos sociais, que foron ampliando o seu campo de actuación a esferas distintas das que abranguía até ese momento o movemento sindical (a produción, a organización do traballo, a seguridade social, as remuneracións salariais,... ). Os novos movementos viñeron ocupándose dos dereitos das mulleres, da paz mundial, da defensa dos recursos naturais, da solidariedade cos países menos desenvolvidos, da loita contra a pobreza... 

Os éxitos das mobilizacións do 8-M colocaron enriba da mesa unha vella polémica: cal debe ser a relación entre as organizacións feministas e os partidos políticos? As primeiras están condenadas a ser apéndices dos segundos? Deben aceitar un papel subalterno nos procesos de confrontación que se desenvolven no espazo da política? O comezo inmediato dun novo ciclo electoral multiplicou o interese ou o desacougo entre os dirixentes das formacións partidarias por mor do posíbel impacto nas urnas das masivas manifestacións rexistradas nas rúas.

Despois do 28 de Abril e do 26 de Maio poderemos facer consideracións mais concretas sobre o “efecto feminista” nesas citas. Mentres, os partidos poden clarexar o alcance concreto dos seus compromisos coas demandas formuladas polas organizacións que foron quen de convocar a millóns de persoas nos últimos meses en defensa da igualdade e da dignidade das mulleres.

Comentarios