Opinión

O PSOE no seu labirinto

Hai unha grande coincidencia na consideración de que as eleccións do pasado 20 de Decembro representaron un notábel cambio cualitativo a respecto da lóxica dominante na política estatal. Aínda que non se poda afirmar que os comicios foron a sentenza de morte do bipartidismo, resulta evidente que ficou seriamente debilitado. A principal vía de auga nesa estrutura bipolar rexistrouse, precisamente, no territorio que viña hexemonizando o PSOE. Dúas circunstancias numéricas certifican semellante constatación: o partido dirixido por Pedro Sánchez non foi quen de aproveitar a forte erosión padecida polo PP e –por primeira vez dende 1977- unha alternativa electoral conformada por Podemos e diversas forzas políticas de Catalunya, Galiza e Pais Valenciá colocouse a unha distancia cativa -21 escanos e 300.000 votos- do apoio recibido polo Partido Socialista.

Coñecidas as cifras proporcionadas polas urnas, os dirixentes socialistas tiñan dous camiños diverxentes para conformar un goberno dotado de certa estabilidade: ou acadaban un acordo co PP e Cidadáns (nas dúas variantes hipotéticas:só co primeiro ou mediante un pacto conxunto) ou negociaban con Podemos, En Comú Podem, En Marea, Compromís, IU, PNV, DiLL e ERC a viabilidade dunha fórmula que –a través do voto afirmativo ou coa abstención- permitira a investidura de Sánchez e a posterior gobernanza compartida. O descarte dun entendemento explícito ou tácito co PP –derivado do temor á dinámica de “pasokización” que tal circunstancia podería provocar- reducía seriamente a dimensión cuantitativa de semellante opción (90 escanos socialistas e 40 do partido de Rivera) e reforzaba, teoricamente, a virtualidade da combinación alternativa, con forzas da esquerda e nacionalistas. Porén, a equipa de Sánchez non quere aceitar esa lóxica asociativa e pretende conseguir a cuadratura do círculo: argallar un pacto simultáneo coa esquerda e co partido que, durante a campaña electoral, recibía o expresivo cualificativo de “marca branca” do PP.

A repetición das eleccións xerais depende, nunha grande medida, da decisión que adopte, finalmente, a dirección socialista

Os cadros directivos do PSOE semellan estar prisioneiros da súa propia historia e non son quen de facer a necesaria reciclaxe que impón a nova realidade política e social. Seguen instalados naqueles tempos nos que competían cun rival -primeiro o PCE e despois IU- que dispuña de pouca forza electoral e ao que desprezaban sen escrúpulos cando necesitaban tecer algún acordo de gobernabilidade. A soberbia dos anos de viño e rosas de Felipe González é unha das herdanzas mais nocivas para os que hoxe deben fixar a folla de ruta do Partido Socialista.

A repetición das eleccións xerais depende, nunha grande medida, da decisión que adopte, finalmente, a dirección socialista. A escenificación táctica xa está preparada:ou Pablo Iglesias permite a investidura de Sánchez ou caerá sobre el a factura mediática dun eventual triunfo das dúas dereitas. Aínda que unha análise rigorosa da aritmética parlamentaria desmonte a aparente viabilidade desa proposta “mestiza” da que tanto presume o líder do Partido Socialista (téñase presente que os previsíbeis 140 votos negativos que sumarían o PP,DiLL e ERC esixirían completar os 131 do PSOE, C’s e CC cos votos afirmativos doutros grupos: PNV,IU,Compromís) o que está en xogo é a potencial recuperación dunha parte do electorado perdido o pasado 20-D. Caso de existir unha nova cita, o vindeiro 26 de Xuño saberemos se esta aposta de Pedro Sánchez resulta gañadora ou é o punto final da súa carreira política.

Comentarios