Opinión

A primeira cita coas urnas

Nas primeiras eleccións ao Parlamento do Estado celebradas despois da morte de Franco, as persoas que mantiveramos unha actividade mais intensa e militante contra a ditadura tiñamos unha posición asentada sobre dúas conviccións básicas. Por unha banda, non aceitabamos as restriccións que caracterizaban esa convocatoria electoral (non legalización de todas as organizacións políticas existentes, inexistencia dunha ruptura total co réxime franquista, unha regulación dos comicios pensada para favorecer as forzas que tiñan pactado o proceso de transición) mais tamén queriamos aproveitar a oportunidade para superar as devanditas limitacións mediante un bo resultado nas urnas. É por iso polo que, ademais do PSOE e do PCE, todas as formacións de esquerda e nacionalistas (agás as vinculadas a ETA Militar) decidimos participar na cita do 15 de Xuño de 1977. O boicot era unha opción teórica que non foi asumida pola práctica totalidade do universo antifranquista.

Sabiamos que a composición do Congreso e do Senado resultarían determinantes na futura configuración do sistema político que estaba nacendo. Eramos conscientes de que o papel da nación galega no artellamento do Estado español dependería dos votos que recibiramos as forzas que defendiamos o dereito de autodeterminación e a creación de institucións de autogoberno.

Todas as formacións de esquerda e nacionalistas (agás as vinculadas a ETA Militar) decidimos participar na cita do 15 de Xuño de 1977

 

O coñecemento que tiñamos da sociedade galega derivaba da nosa participación na mobilización social desenvolvida nos últimos anos da ditadura e no axitado tempo transcorrido dende a morte física de Franco (20 de Novembro de 1975). Non tiñamos -como aconteceu despois- as ferramentas analíticas derivadas dos estudos demoscópicos especializados. Xa que logo, tomamos a parte polo todo e pensamos que existía unha maioría social que desexaba unha ruptura frontal co pasado e que, por tanto, non ía secundar as propostas formuladas por aquelas opcións -nomeadamente o PSOE e o PCE- que pactaran un programa moderado de reformas cunha parte dos herdeiros do réxime franquista (dirixidos, primordialmente, por Adolfo Suárez e a UCD).

Os resultados do 15 de Xuño foron un desmentido radical das nosas expectativas. Gañou a “nova” dereita creada polos sectores mais intelixentes do vello réxime (e no territorio galego o triunfo aínda foi mais esmagador), fracasaron rotundamente o PCE e os nacionalismos de esquerda e acadou un peso relevante o PSOE de Felipe González, pouco visíbel nos anos duros da ditadura, dopado financeiramente dende a socialdemocracia alemá e depositario da confianza dos sectores populares que desexaban un cambio, pero que tiñan medo a Carrillo, Pasionaria e a outras figuras que evocaban os tempos da tráxica guerra civil.

O nacionalismo galego presentouse dividido naquela cita electoral (PSG, BNPG, PG) a pesar de que un ano antes existía unha plataforma -o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG)- que agrupaba forzas diversas (UPG, PSG, Partido Galego Socialdemócrata, MCG e Partido Carlista de Galiza) e tiña un programa con propostas ambiciosas nos ámbitos da política e da economía. A desaparición do CFPG abriu unha dinámica divisionista que remataría no comezo da década dos noventa coa presenza dun Bloque refundado mediante a converxencia da case totalidade dos segmentos antes fraccionados. Foi precisamente no ano 1996 cando o nacionalismo político acadou a presenza no Congreso que non fora quen de facer realidade o 15 de Xuño de 1977.

O nacionalismo galego presentouse dividido (PSG, BNPG, PG) a pesar de que un ano antes existía unha plataforma -o CFPG- que agrupaba forzas diversas

 

A carencia dunha representación política nacionalista no Parlamento que ía escreber unha carta constitucional tivo, obviamente, importantes consecuencias no desenvolvemento posterior do novo réxime na Galiza. Poden apontarse dous grandes factores explicativos de semellante ausencia: a pouca importancia que lle deu unha ampla maioría do corpo social galego -a diferenza do que sucedeu nos territorios vasco e catalán- á necesidade dunha presenza específica do galeguismo nas Cortes do Estado e a incapacidade das formacións políticas existentes nese universo para ofrecer unha alternativa unitaria e atractiva nese momento decisivo da historia galega contemporánea.

Comentarios