Opinión

O PP prepara un esperpento

Case dous meses despois do 26 de Xuño, Mariano Rajoy deulle permiso a Ana Pastor para convocar a sesión de investidura no Congreso. A data elixida -30 de Agosto- non é inocente. Está pensada para que unha eventual repetición dos comicios teña lugar o 25 de Decembro.  Ademais de constituír unha chantaxe directa a todas aquelas formacións políticas que poden posibilitar -co seu voto favorábel ou coa abstención- o recunque de Rajoy na Moncloa, a posibilidade legal dunha celebración das eleccións nese día tan singular constitúe un intolerábel desprezo á propia cidadanía. Supón colocar os cálculos dos presuntos beneficios partidistas por riba de calquera outra consideración. A presidenta do Parlamento estatal podía evitar esa esperpéntica coincidencia convocando o pleno de investidura para o 23 ou para o 16 de Agosto. Podía pero non quería porque os discípulos de Rajoy desexan utilizar o calendario sen escrúpulos.

Polo momento, o PP vai gañando a batalla da opinión pública a respecto do que debe suceder para desbloquear o enguedello derivado das eleccións do pasado 26-X. Utilizando o amplo desacougo que provoca unha eventual repetición das eleccións, proxecta o dedo acusador sobre Rivera e Sánchez para que aceiten fórmulas pouco esixentes que permitan superar a sesión de investidura no Congreso dos Deputados. Nesta estratexia conta co apoio explícito ou tácito de moitos analistas mediáticos que prefiren insistir nas incoherencias e/ou nas ambicións esaxeradas dos dirixentes de C’s e do PSOE para non ter que criticar o indiscutíbel despropósito que supón a candidatura do presidente dun partido que está imputado –como tal organización- pola comisión de importantes delitos. Rajoy é intocábel porque encabezou a lista mais votada e os demais deben acatar semellante designio das urnas ou abandonar a primeira liña da vida política. Velaí a sentenza destes “ilustres” opinadores.

Polo momento, o PP vai gañando a batalla da opinión pública a respecto do que debe suceder para desbloquear o enguedello derivado das eleccións do pasado 26-X

Os dirixentes socialistas teñen bastante responsabilidade na xestación deste clima favorábel ás teses dos “hooligans” marianistas. Queren fuxir dos custes asociados a unhas terceiras eleccións e, ao mesmo tempo, renuncian á construción dunha alternativa gobernamental ao PP a través dun acordo con Unidos Podemos, as confluencias e as formacións nacionalistas de Euskadi e Catalunya. Mais aínda:tratan de presionar ao actual inquilino da Moncloa mediante o argumento falaz de que hai grandes denominadores comúns entre PP, C’s, a vella CDC, PNV e Coalición Canaria. Tal e como está a situación política catalana, que alguén sosteña a tese de que resulta verosímil un pacto de investidura ou de gobernabilidade entre Rajoy e Mas é un insulto á intelixencia e unha coartada moi deficiente para xustificar a falta de vontade que habita na sede socialista de Ferraz. Pedro Sánchez debería saber que o vello bipartidismo xa non existe e que hoxe é precisa outra lóxica pactista para resolver a complexidade da nova realidade parlamentaria. Podería, en todo caso, recuperar unha experiencia moi valiosa daqueles tempos de González e Zapatero: para enfrontar a gobernabilidade deste Estado é necesario contar coa colaboración de forzas como o PNV, o partido sucesor de Convergència e ERC. Se non o fai, a súa derrota estratéxica está servida.

Pedro Sánchez debería saber que o vello bipartidismo xa non existe e que hoxe é precisa outra lóxica pactista para resolver a complexidade da nova realidade parlamentaria

As eleccións vascas e galegas do 25-S van ter unha transcendencia relevante no desenlace do labirinto político estatal. Os resultados que se rexistren en ambas nacións e o posterior comportamento do PP e do PSOE poden incrementar a verosimilitude dunhas terceiras eleccións ao día seguinte da cea de Nadal. Nese caso, a reacción de importantes segmentos do corpo electoral resulta tan imprevisíbel que nin sequera o PP –principal causante de semellante caricatura política- pode asegurar o éxito da súa estratexia.

Comentarios