Opinión

A pose autonomista de Feijoo

Como é sabido, as eleccións galegas de Xuño de 2005 propiciaron a existencia dunha maioría parlamentaria de 38 escanos entre o PSdeG e o BNG que permitiu a conformación dun goberno de coalición encabezado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Unha das prioridades daquela nova maioría foi a reforma do Estatuto de Autonomía de 1981 mediante o debate entre as tres formacións presentes na Cámara galega. O propio texto estatutario esixe -para a súa modificación- un apoio cualificado (concretamente, as dúas terceiras partes das 75 persoas que integran o Parlamento). Por iso era necesario o concurso do PPdeG para facer realidade semellante pretensión reformista. Durante varias semanas, o traballo de discusión e negociación realizado entre as tres forzas permitiu pensar na obtención dun proxecto consensuado. Finalmente, tal expectativa fracasou porque Alberto Núñez Feijoo -previa consulta coa dirección estatal comandada por Mariano Rajoy- non quixo ratificar os acordos establecidos na Comisión parlamentaria. Eran tempos nos que o PP practicaba unha oposición belixerante ao goberno de Zapatero e xa tiña presentado un recurso contra o Estatut de Catalunya diante do Tribunal Constitucional.

Alberto Núñez renunciou a reclamar transferencias ao goberno central, mesmo naqueles casos nos que xa existían trámites iniciais acometidos polo bipartito

 

O presidente do PPdeG tivo a oportunidade histórica de participar nunha mellora cualitativa do autogoberno galego pero optou pola subordinación á lóxica centralizadora que se postulaba dende os despachos da rúa Génova. Cando, na primavera de 2009, Feijoo acada, sorprendentemente, a presidencia da Xunta proclama a súa disposición a retomar a reforma frustrada poucos anos antes. O acontecido nesa lexislatura e nas seguintes demostrou que tal alusión formaba parte dunha retórica presidencial sen percorrido práctico pola asunción acrítica das directrices emanadas dende un PP que chegaba á Moncloa no 2011 cunha abondosa maioría absoluta. Máis aínda: Alberto Núñez renunciou a reclamar transferencias ao goberno central, mesmo naqueles casos nos que xa existían trámites iniciais acometidos polo bipartito.

As recentes declaracións do presidente da Xunta advertindo que ía esixir o mesmo nivel competencial que puideran demandar as administracións vasca e catalá hai que situalas no marco dunha vella táctica utilizada polos dirixentes do PP: cando o PSOE ocupa os ministerios de Madrid, exhiben a máxima belixerancia reivindicativa; cando están os amigos do partido gardan un significativo silencio cómplice.

Se quere facer críbel esa presunta aposta polo autogoberno, Feijoo ten un camiño mais solvente: promover, dende o Parlamento, unha reforma do actual Estatuto

 

Se quere facer críbel esa presunta aposta polo autogoberno, Feijoo ten un camiño mais solvente: promover, dende o Parlamento, unha reforma do actual Estatuto que permita incorporar novas competencias de poder ás institucións galegas e, o que resultaría mais importante, fixar mecanismos de blindaxe das mesmas ante calquera intento de neutralizalas dende outras institucións do Estado. Se non opta por esta alternativa, o inquilino de Montepío estará xogando cunha foguetería propagandística de pouco alcance temporal. Pablo Casado está mirando para Vox e para C's e non vai aturar semellantes cerimonias publicitarias. No PPdeG non deberían esquecer a vella máxima de que Roma non paga traidores.

Comentarios