Opinión

A perversa lóxica do PP

Os dous recentes pronunciamentos xudiciais que estableceron a revogación da inicial sentenza

Os dous recentes pronunciamentos xudiciais que estableceron a revogación da inicial sentenza condenatoria ditada contra os sete edís do PP compostelán e a desimputación da parlamentaria Paula Prado, provocaron unha combinación de euforia e agresividade verbal na reacción dos dirixentes do PPdG. Na lóxica discursiva que veñen utilizando nos episodios de corrupción –e na que tamén coinciden, basicamente, os dirixentes do PSOE- é comprensíbel semellante exhibición de triunfalismo. Para eles só existen responsabilidades políticas se hai, previamente, decisións xudiciais que consagran a comisión dalgún delito. No caso do Partido Socialista hai unha rectificación parcial introducida recentemente: cando, no ámbito dunha instrución, a autoridade pertinente decreta a apertura de xuízo oral a persoa imputada debe abandonar o seu cargo público e/ou partidario. Porén, no PP todo segue igual:hai que acadar a condición formal de delincuente para dimitir ou ser cesado en tal ou cal responsabilidade política.

O ministro alemán de Defensa dimitiu cando se soubo que practicou o plaxio na súa tese de doutoramento

A xudicialización da política e a politización –partidista- da xustiza son as dúas caras da moeda que se está a utilizar como referencia na actuacións dos partidos dominantes. E as consecuencias son moi graves. No ámbito xudicial a mentira é unha ferramenta permitida na lexítima defensa dunha persoa encausada. Na vida política, afirmar o contrario do que se fixo ou agachar determinado acontecemento debería implicar a inmediata exclusión da xestión pública. Convén lembrar como exemplo paradigmático o sucedido co ministro alemán de Defensa (do gabinete de A. Merkel): dimitiu cando se soubo que practicou o plaxio na súa tese de doutoramento. A conclusión é congruente coa existencia dun clima social de moita esixencia a respeito do comportamento dos representantes políticos: se alguén enganou no seu traballo profesional, carece do crédito necesario para administrar os recursos que pon nas súas mans a sociedade.

Un xuíz do TSXG interpreta que Paula Prado non cometeu delito cando recoñecía, en conversas telefónicas, que a empresa Vendex facía uns agasallos espectaculares ou cando dispensaba un trato especial a determinado empresario. O que non evita ese ditame é a consideración de que a conduta desa deputada non acadou o nivel ético requirido nun sistema democrático de calidade. Outros maxistrados do mesmo TSXG entenderon –contrariamente ao que sostivo o xuíz que sentenciou en primeira instancia- que non existiu prevaricación nas decisións adoptadas polas sete persoas do goberno municipal de Santiago, pero iso non implica que a pretensión de abonar os gastos da defensa dun concelleiro do PP mediante os orzamentos públicos sexa aceptábel en termos da necesaria decencia política.

O que non evita o ditame do TSXG é a consideración de que a conduta de Paula Prado non acadou o nivel ético requirido nun sistema democrático de calidade

Na vara de medir que manexan os dirixentes do PP, os xuíces que condenan os  imputados da súa organización actúan con criterios políticos ou aceitan as presións dos grupos da oposición. En troques, cando o Supremo e o TSXG absolven a X.M. Barreiro e a Paula Prado exercen unha exquisita neutralidade. Iso si: mentres proclaman a suposta vontade de mudar o sistema de aforamento que beneficia a determinados cargos, non teñen reparo en usar ese privilexio para evitar que a coñecida extremista Pilar de Lara poda seguir co proceso de instrución que motivou a imputación de ambos representantes parlamentares.

Núñez Feijoo anunciou a súa intención de recolocar a Prado na dirección executiva do partido e delegou en Agustín Hernández a eventual presenza dalgúns dos sete magníficos concelleiros e concelleiras na vindeira candidatura municipal. Chegados a este punto, deberían ser consecuentes con ese vitimismo que están exhibindo e presentalos de novo na lista de Maio (incluída Paula Prado). Se non o fan, estarán recoñecendo que os anos de Conde Roa -condenado por delincuente fiscal- e A. Currás deixaron un cheiro a podre que non se elimina con dúas resolucións xudiciais.

Comentarios