Opinión

Dos parlamentos ás “tertulias”

A recente incorporación de Carmen Calvo e Pablo Iglesias a unha tertulia nocturna da SER -xunto con Margallo, anterior ministro de Exteriores no goberno de Rajoy- provocou diversas reaccións no mundo da opinión publicada.

 Non é a primeira vez que algunhas televisións e radios privadas -ademais doutras de carácter público- contan con persoas que tiveron responsabilidades institucionais -no lexislativo e/ou no executivo- para configurar programas de debate político en distintas franxas horarias. O que destaca, nesta ocasión, é a relevancia dos cargos desempeñados por Calvo e Iglesias e o pouco tempo transcorrido dende o remate das respectivas andainas gobernamentais e a presenza nesa tertulia radiofónica.

Houbo quen fixo unha abusiva comparación entre este feito e as “portas xiratorias” que propiciaron o desembarco de ex-presidentes ou ex-ministros de gobernos do PP e do PSOE nos Consellos de Administración de importantes empresas do IBEX. Entre outras diferenzas, existe unha que inhabilita semellante analoxía: as empresas eléctricas -por citar un exemplo- practicaron unha sorte de compensación “a posteriori” polo trato recibido dos cargos gobernamentais afectados mentres que a SER non ten débedas pendentes con Pablo Iglesias. Sen ir mais lonxe, non consta que esta cadea radiofónica adoptara unha posición belixerante fronte ao linchamento mediático xeralizado que padeceu o antigo dirixente de Podemos.

A “fichaxe” de figuras relevantes da política obedece, sobre todo, a unha estratexia competitiva para maximizar a cota de audiencia mediante a conversión dos debates nunha sucesión de momentos espectaculares onde practicamente desaparece o interese pola fondura no tratamento do tema abordado. Nese marco así definido, o pensamento crítico fica subordinado inevitabelmente á superficialidade analítica; as formas predominan sobre o fondo. Certamente, os distintos medios -nomeadamente os privados- seleccionan ás persoas que participan nos seus programas en base ao nivel de afinidade coa adscrición, pasada ou presente, de cada unha delas. Poren, esa coincidencia ideolóxica ou política resulta, en moitos casos, unha condición necesaria mais non suficiente. Requírense doses abondosas de “show” que propicien unha conexión coas paixóns dos seareiros sen que preocupe a promoción da razón informada.

Para quen tivera a oportunidade de formar parte do poder lexislativo, a presenza nas tertulias suscita unha interrogante desacougante: onde existe mais capacidade para conformar climas de opinión entre a cidadanía? No labor parlamentario ou nas tribunas mediáticas? Se falamos do poder executivo -lexitimado, obviamente, por unha maioría da Cámara de representantes da soberanía popular- a dúbida non resulta pertinente: a capacidade decisoria dos gobernos é indiscutíbel e superior a calquera programa radiofónico, televisivo ou sección de opinión dos xornais tradicionais ou dixitais. Pero se consideramos as dimensións asociadas ao rol teoricamente asignado ás minorías parlamentares -controlar aos gobernos, trasladar preocupacións do corpo social, abrir campos para o debate de ideas e impulsar novas leis- as conclusións non están tan claras. En moitas ocasións, o chamado cuarto poder posúe mais posibilidades de influenza na dinámica social que o derivado da obtención dun determinado nivel de representación parlamentaria.

No ámbito do territorio español estase vivindo, dende hai un tempo, unha crise relevante no xogo de equilibrios que debe existir entre os tres poderes que sustentan un Estado de dereito. A obscena pretensión controladora exhibida polo PP a respecto da composición e funcionamento dos órganos de goberno do poder xudicial, contribúe a devaluar o papel fulcral que debe desempeñar o Parlamento na arquitectura dun sistema democrático. Nun contexto coma este, adquire mais importancia contrastar, de xeito continuado, se o poder mediático está hexemonizado por actores que pretenden traspasar as liñas vermellas características dunha democracia de calidade merecedora de tal nome.

Comentarios