Opinión

O Parlamento galego e o 25 de xullo

A pesar de que nos últimos anos da década dos 70, Antonio Rosón promoveu a instauración oficial do “Día Nacional de Galicia”, os antecesores do actual PPdG e do propio PSdG non quixeron camiñar por ese vieiro simbólico e deixaron que o nacionalismo galego mantivera, en solitario, a vitalidade conmemorativa do 25 de Xullo.A carencia dunha fortaleza institucional suficientemente determinante e a excesiva preocupación pola disputa da hexemonía entre as diversas expresións do movemento nacionalista, dificultou a consecución dunha maior complicidade social con esta celebración identitaria e facilitou a construción dun imaxinario popular que equiparou o Día da Patria coa celebración partidaria das organizacións nacionalistas.

Atopámonos, pois, ante unha situación singular no seo da opinión publicada:no canto de aproveitar o 25 de Xullo para realizar un balance anual do estado da nación e do seu autogoberno, utilízase a ocasión para analizar a temperatura das forzas que se moven, de xeito mais ou menos explícito, no ámbito do universo nacionalista e para formular hipóteses a respecto da súa evolución futura.Neste momento, ademais, algúns factores conxunturais reforzan esa focalización valorativa:a división interna de En Marea (exteriorizada na surrealista negativa de Anova, EU e Podemos a participar na celebración organizada pola coordenadora desta formación) e a perda da posición electoral acadada no pasado polo BNG (compatíbel, en todo caso, coa súa demostrada hexemonía mobilizadora nunha data coma esta).

A presenza do Bloque no goberno da Xunta entre Agosto de 2005 e Marzo de 2009 non foi suficiente para establecer novos hábitos institucionais acordes coa importancia simbólica do 25 de Xullo.O cambio requiría a vontade explícita do socio maioritario daquel goberno bipartito.Era preciso, concretamente, que a presidencia do Parlamento asumira a iniciativa de promover un acto conmemorativo que consagrara un permanente lugar de encontro da pluralidade social galega como expresión dun sentimento común de pertenza nacional.

Neste 2017 o Parlamento galego cumpre 36 anos de vida.A existencia desta institución está directamente vinculada ao carácter nacional de Galiza e por iso debería ter xogado un papel decisivo na consolidación do 25 de Xullo como festa nacional dun vello Pais que non quere perder os seus sinais de identidade.Teremos que agardar outros trinta e seis anos para que a maioría da Cámara asuma esta tarefa pendente?

Comentarios