Opinión

Os obxectivos reais da proposta de Núñez Feijóo

Nos, últimos días, Alberto Núñez Feijóo ocupou un notábel espazo mediático por mor da súa proposta de “gran coalición” entre PSOE e PP para saír da situación de “impasse” na que se atopa a política española. Daquela, aínda non se confirmara a repetición electoral prevista para o 10 de Novembro mais as declaracións do dirixente galego do PP  tiveron ampla resonancia nos principais medios de comunicación estatais.

Cando fixo semellantes afirmacións, Feijóo sabía perfectamente que a súa iniciativa carecía da mais mínima viabilidade no inmediato futuro. Por que decidiu, entón, proxectala publicamente? A resposta non semella complicada: porque desexa marcar un perfil propio, diferente do que representa, na actualidade, Pablo Casado. Mentres este insiste con “España Suma”, o presidente da Xunta reivindica o legado de Rajoy -mais que o de Aznar- e propón a reconstrución electoral do PP distanciándose da deriva radical de figuras como Cayetana Álvarez de Toledo. A contundencia das palabras utilizadas por Alberto Núñez resulta, tamén, moi significativa: descualificou -como “adolescentes” irresponsábeis- aos catro máximos dirixentes das formacións que conforman hoxe o círculo mais determinante do mapa político estatal. Ou sexa: Casado tamén recibiu a parte proporcional de culpabilidade pola situación política vixente.

Con este distanciamento crítico, Feijóo busca, previsibelmente, dous obxectivos compatíbeis: consolidar a súa posición de recambio de Casado se a dinámica posterior ao 10-N supón un desgaste notábel para o actual inquilino da rúa Genova e afortalar a súa imaxe de líder imprescindíbel no ámbito da política galega a menos dun ano de que se convoquen eleccións á Cámara do Hórreo.

Con estas declaracións xa non se pode considerar que o presidente do PPdG descartou definitivamente a hipótese da sucesión na xefatura estatal do seu partido. O primeiro test para avaliar a verosimilitude e o prazo temporal de semellante opción estará situado nos resultados que ofrezan as urnas o vindeiro 10 de Novembro.

Comentarios