Opinión

O Estatuto ausente

Dende que chegou á presidencia da Xunta, no mes de abril de 2009, Núñez Feijóo nunca tomou en serio a posibilidade de promover a modificación do Estatuto de Autonomía. Despois de boicotear a proposta realizada polo PSdG e o BNG no ano 2007 -aproveitando a prescrición legal de que calquera mudanza require o apoio das dúas terceiras partes da Cámara do Hórreo-, declinou reiniciar calquera traballo parlamentar alegando a fonda crise económica dos primeiros anos do seu mandato e, a partir de 2012, a situación xerada polo conflito político aberto en Cataluña. Durante todo este período temporal a súa vontade de ampliar o autogoberno resultou perfectamente descritíbel: practicamente non reclamou novas competencias ao abeiro das posibilidades existentes co actual marco normativo. Para que promover un novo Estatuto se non se queren reclamar mais capacidades decisorias? Hai que recoñecer que o presidente da Xunta e o seu partido non estiveron sós nese rol tan inmobilista: ningún dos importantes poderes económicos e mediáticos que veñen apoiando o labor de Feijóo manifestou o seu interese por un cambio no status institucional da Galiza. O único que fixeron foi protestar ante hipotéticos tratamentos diferenciais que puideran dispensar os gobernos do Estado a Cataluña e a Euskadi. No canto de reivindicar máis autogoberno, ergueron a voz para condenar, preventivamente, o que foran capaces de obter os demais.

Para que promover un novo Estatuto se non se queren reclamar mais capacidades decisorias?

BNG e PSdG non colocaron a reforma do Estatuto entre os seus referentes programáticos para as últimas eleccións galegas. No caso da organización nacionalista existe unha posíbel explicación: no seu actual ideario non figura -como sucedía noutros momentos da súa historia- esa reclamación como ponte de tránsito cara aos obxectivos finais proclamados (autodeterminación, República galega). Porén, a campaña protagonizada por Ana Pontón encaixaba ben con ese teórico horizonte de cambio estatutario. As evidentes semellanzas no contido e no ton utilizados pola candidata nacionalista cos que no seu día exhibiu Anxo Quintana -cabeza visíbel da proposta dun “Estatuto de Nación” formulada polo BNG no ano 2005- permitirían pensar na viabilidade da incorporación desta perspectiva na folla de ruta da segunda forza parlamentaria na nova lexislatura que vén de comezar.

Resulta mais complicado atopar unha xustificación da opción tomada por Gonzalo Caballero a respecto da reforma estatutaria. O PSdG non ten mudado o seu cadro programático xeral nin existe constancia pública dun eventual rexeitamento da dirección estatal de Ferraz ante unha proposta dese carácter (téñase presente que o Partido Socialista en Euskadi está participando no proceso de elaboración dun novo Estatuto para aquela nación). Tratase, xa que logo, dun grave erro na percepción das prioridades políticas que debería asumir o partido ante a sociedade galega para afirmar a súa identificación cun proxecto de autogoberno nacional de solvencia acreditada.

Hai poucos días fixéronse 40 anos da aprobación do vixente Estatuto de Autonomía 

Feijóo dispón dunha posición cómoda. Se BNG e PSdG non son quen de activar, nos vindeiros anos, aos sectores da sociedade galega que desexan unha maior calidade no autogoberno, o político dos Peares non terá que aturar os custes asociados ao rexeitamento dun proxecto de novo Estatuto. Cando se acheguen novas confrontacións electorais seguirá instalado no “Galicia, Galicia, Galicia”, como última receita retórica fabricada nos laboratorios dos seus asesores.

Hai poucos días fixéronse 40 anos da aprobación do vixente Estatuto de Autonomía mediante un referendo certamente moi pouco exemplar. Descartada a visión fundamentalista dos que pensan que normas desta relevancia deben ser inmutábeis, só cabe pensar que a sociedade galega -e sobre todo as xeracións que non viviron a transición posfranquista- non merece agardar outros 40 anos para mellorar o seu autogoberno nacional.

Comentarios