Opinión

O debate que non existiu

Recentemente, Manuel López Foxo escrebiu nesta páxina un artigo -”Hai erros que pesan como unha lousa”- no que manifestaba a súa opinión de que o nacionalismo galego cometera un erro notábel por non ser quen de realizar un balance sistemático da experiencia de goberno vivida entre 2005 e 2009 no ámbito da Xunta de Galiza.

Comparto, sen dúbida, semellante consideración e xa tiven ocasión de razonala en dous artigos aparecidos no Sermos: “A memoria do bipartito” publicado o 21 de Marzo de 2014 e “Esquecer o bipartito?” do 26 de Agosto de 2015. Non quero reiterar os argumentos que se contiñan nesas análises, mais si entendo pertinente afirmar que a inexistencia dun debate amplo e demorado sobre as luces e as sombras do bipartito tivo unha consecuencia relevante: non permitiu delimitar a dimensión concreta das diferenzas existentes no seo do BNG no tempo que transcorriu entre o ano 2009 e a celebración da Asemblea de Amio. Tal ausencia favoreceu a creación dun estado de opinión -nunha parte significativa da organización- que establecía unha relación de causa-efecto entre a práctica gobernamental desenvolvida e o devalo electoral que estaba padecendo a formación nacionalista. Para quen así opinaba, as cadeiras que se ocuparan en San Caetano provocaran unha notábel moderación na actuación do Bloque, circunstancia que -segundo esa lóxica dedutiva- estaba na orixe da crise dos resultados acadados nas urnas.

Sempre pensei que a intensidade verbal da confrontación interna rexistrada na Asemblea de Amio non gardaba correspondencia coa entidade das diferenzas constatadas nos debates formais dos relatorios políticos e programáticos. Tiven a sensación de que había xuizos e avaliacións que non estaban explicitados, pero que operaban no momento de apoiar ou rexeitar tal ou cal proposta. A convicción de que a experiencia do bipartito da Xunta alimentaba esas discrepancias non podía ter unha tradución construtiva porque o sucedido naqueles anos ficaba opacado, encerrado na habitación escura da organización.

Agardo que artigos como o de Manuel López Foxo axuden a repensar o pasado para iluminar o futuro. Aprendimos moito nas áreas que xestionamos (Vicepresidencia, Medio Rural, Cultura, Vivenda e Industria) e iso é un capital político que terá moito valor cando haxa que construír unha alternativa ao mediocre continuísmo do PP.

Comentarios