sábado 18.01.2020

O caso dos ERE: outro exemplo de externacionalización política

Nos últimos anos, tres sentencias xudiciais condicionaron notabelmente o clima político e social existente no Estado español. Primeiro foi a relativa ao caso  Gürtel -e que rematou provocando o inédito triunfo da moción de censura presentada polo Partido Socialista no Congreso-; máis tarde coñeceuse a decisión condenatoria do Tribunal Supremo contra diversos dirixentes do independentismo catalán e agora, recentemente, fíxose público o veredicto da Audiencia de Sevilla sobre o “caso” dos ERE desenvolvido no ámbito competencial da Junta de Andalucía.

A relevancia destas actuacións xudiciais non se pode entender se non se parte dunha característica singular do sistema democrático español realmente existente: a non asunción sistemática de responsabilidades políticas por parte dos dous partidos que hexemonizaron as institucións representativas nas tres últimas décadas e a consecuente tendencia a xudicializar os distintos conflitos políticos que se foron sucedendo nos últimos anos.

Nos casos de corrupción, o  argumentario repetiuse unha e outra vez: tomando base no principio da presunción de inocencia, calquera decisión sobre dimisións ou peticións de desculpa debería ir precedida por unha sentenza xudicial condenatoria. A ética carecía dun espazo propio no exercicio da política. Só a condición de delincuente acreditada por un tribunal podía orixinar consecuencias políticas. Nun escenario con semellantes premisas, instaurouse, pola vía dos feitos, unha especie de goberno da  maxistratura.

No asunto do “ procés”, a lóxica aplicada foi análoga. Un problema de evidente natureza política foi  externalizado ao territorio xudicial por unha suma de incapacidade e carencia de vontade para buscar unha canalización no seo das institucións democráticas. A procura da sanción penal como única estratexia para xestionar o conflito aberto, dende hai un tempo, no seo da sociedade catalá, supuxo unha seria devaluación na calidade do conxunto do sistema democrático.

Os feitos xulgados nos sumarios da  Gürtel e dos ERE retratan unhas prácticas levadas a cabo por dirixentes do PP e do PSOE nun contexto caracterizado por maiorías electorais moi sólidas (de Aznar no período 2000-2004 e dos socialistas andaluces dende o nacemento desa Comunidade Autónoma) que favorecían a continuidade das irregularidades e alimentaban un clima de impunidade entre os autores destas.

Tal e como se dixo en moitas ocasións, a grave crise económica da primeira década deste século e a constatación de fenómenos xeralizados de corrupción foron factores  causais moi relevantes no cambio do mapa político ocorrido a partir do ano 2015. O sucedido nos recentes comicios do 10 de novembro certificou que aquel bipartidismo imperfecto característico da vida política española (dominio do PSOE e do PP, con CiU e PNV como bisagras) xa non está operativo.

O caso dos ERE: outro exemplo de externacionalización política
comentarios