Opinión

As novidades da “Operación Lezo”

Os casos de corrupción que agroman no universo do PP seguen unha secuencia repetitiva. Cando aparecen os primeiros indicios informativos, os dirixentes da rúa Génova negan rotundamente a súa existencia e remiten calquera explicación ou investigación ao seu eventual tratamento nas instancias xudiciais. Despois, cando xa comeza o proceso de instrución penal, botan man do argumentario coñecido: reclamación da presunción de inocencia para os afectados, consideración de que estamos ante episodios illados (a teoría de que son algunhas mazás podres nun cesto limpo) e denuncia das manobras perversas da oposición para desgastar o goberno e tirar proveito partidista.

Na recente “operación Lezo” -que afecta, entre outras persoas, o ex-presidente da Comunidade de Madrid- concorren dúas circunstancias novidosas. A primeira: os atrancos protagonizados pola fiscalía anticorrupción -e non corrixidos pola Fiscalía Xeral do Estado- para dificultar o procesamento dos principais persoeiros involucrados. E, ademais, a imputación de dous responsábeis do xornal La Razón -Francisco Marhuenda e Mauricio Casals- por coaccionar Cristina Cifuentes mediante unha técnica de indubidábeis resoancias mafiosas: se a actual presidenta madrileña denunciaba as prácticas do grupo de Ignacio González sofriría un forte acoso mediático para penalizar seriamente ese comportamento.

A interferencia da Fiscalía constitúe un grave atentado ás regras de funcionamento dun Estado de dereito. Os mesmos que denuncian, con extraordinaria dureza verbal, este tipo de actuacións noutros países, gardan agora un significativo silencio. Ao cabo, estamos ante as nocivas consecuencias da aplicación da perversa combinación entre a xudicialización da política e a politización -partidista- da xustiza.

O acontecido con F. Marhuenda é revelador do papel que están a xogar determinadas “estrelas” mediáticas. Mais alá do presunto contido delitivo das ameazas telefónicas, o que resulta indiscutíbel é a vontade de condicionar as decisións dun cargo público relevante a través daquela vella admonición de que”como non faga o que eu digo, vaise enteirar”. As perguntas xorden inevitabelmente: o director de La Razón constitúe unha excepción ou é a expresión paradigmática dunha regra espallada polos despachos dos grandes medios convencionais? Existirá unha reflexión autocrítica entre o corpo directivo das empresas de comunicación ou asistiremos á enésima aplicación da lóxica corporativista que se resume na coñecida expresión de que “can non come carne de can”?

O director de La Razón constitúe unha excepción ou é a expresión paradigmática dunha regra espallada polos despachos dos grandes medios convencionais?

A “operación Lezo” contén unha interesante variedade cromática: utilización -por parte de políticos que se declaran afervoados defensores do liberalismo e da superioridade intrínsica da lóxica económica privada- de empresas públicas para conseguir millonarios rendimentos persoais en paraísos fiscais; participación de importantes diretivos empresariais -o ínclito López Madrid, xenro de Villar Mir e vello amigo “perigoso” de Felipe de Borbón e da súa dona Letizia- no circuito corruptor e presenza do tertuliano Marhuenda coa súa linguaxe de matonismo tabernario.

Os procesos xudiciais realizados nos últimos anos permiten constatar que o PP fixo uso da súa prolongada hexemonía política nas comunidades de Madrid e Valencia para agachar graves prácticas corruptas na administración dos recursos públicos. As persoas que votaron a este partido dende 1995 fican interpeladas por todo o que se está coñecendo. Se non mudan o seu comportamento electoral, asumirán expresamente a súa complicidade con semellante desfeita ética.

Comentarios