Opinión

Novas ilusións nas rúas de Compostela

A transcendencia do sucedido neste Día da Patria non radica tanto na mellora cuantitativa rexistrada no volume de manifestantes como na especificidade da convocatoria

A transcendencia do sucedido neste Día da Patria non radica tanto na mellora cuantitativa rexistrada no volume de manifestantes como na especificidade da convocatoria. Por primeira vez dende 1982, o formato experimentou unha variación substantiva: no canto de ser un chamamento do BNG (coas lóxicas consecuencias no protocolo que presidía habitualmente o desenvolvemento da manifestación e o acto final da Quintana) houbo agora unha comisión de persoas que promoveron un manifesto para convidar ás persoas e organizacións que compartisen tal iniciativa.

Este cambio tan relevante tivo a súa orixe causal no conxunto de circunstancias que concorren na conxuntura política actual e, singularmente, no acontecido na recente cita electoral do 24 de Maio e nas expectativas criadas ao fío dos vindeiros comicios xerais. En calquera caso, é de xustiza constatar que, entre os grupos políticos que propiciaron a viabilidade deste “novo” 25 de Xullo, o BNG fixo unha aportación decisiva renunciando ao papel hexemónico que viña xogando nas mobilizacións que se rexistraban nesta data.

Enriba da mesa están dous obxectivos desexábeis: a conformación dunha candidatura galega unitaria para as Cortes do Estado e a posibilidade dunha recomposición do nacionalismo organizado

A dirección do BNG adoptou –nun evento tan cargado de referencias simbólicas como o Día da Patria- unha decisión inédita: no canto de buscar prioritariamente a delimitación dun perfil político diferenciado no seo do universo nacionalista –aproveitando a súa fortaleza organizativa e a superioridade da súa capacidade mobilizadora- apostou por facilitar a consecución dun punto de encontro entre todas as organizacións e persoas que non aceitan o actual estatus político da nación galega.

O reencontro vivido nas rúas de Compostela entre aquelas persoas que nos últimos anos non tiveran ocasión de compartir o denominador común que ofrecían, nesta ocasión, os convocantes da marcha, alimentou novas ilusións que deberán ser administradas no futuro con especial dedicación e tacto. Enriba da mesa están dous obxectivos desexábeis: a conformación dunha candidatura galega unitaria para as Cortes do Estado e a posibilidade dunha recomposición do nacionalismo organizado. Poren, non se debe utilizar unha lóxica discursiva que vincule automaticamente semellantes pretensións, descoñecendo que teñen prazos temporais diferentes e que requiren acción singulares adaptadas á complexidade específica de cada unha delas.

Ao remate do acto, Xurxo Souto citounos para o ano que ven.Ogallá sexamos quen de facer realidade ese desexo. Merece a pena.

Comentarios