Opinión

Unha mensaxe de esperanza

A celebración das eleccións ao Parlamento europeo xa forma parte do horizonte temporal mais próximo.Poren, aínda non están definitivamente formalizadas as modalidades de comparecencia que realizarán as forzas nacionalistas galegas.A pesar de que os argumentos favorábeis a unha candidatura conxunta desas organizacións non foron apenas rebatidos, os principais esforzos están concentrados na negociación con partidos ou entidades actuantes noutros ámbitos territoriais do Estado

A celebración das eleccións ao Parlamento europeo xa forma parte do horizonte temporal mais próximo.Poren, aínda non están definitivamente formalizadas as modalidades de comparecencia que realizarán as forzas nacionalistas galegas.A pesar de que os argumentos favorábeis a unha candidatura conxunta desas organizacións non foron apenas rebatidos, os principais esforzos están concentrados na negociación con partidos ou entidades actuantes noutros ámbitos territoriais do Estado.No caso concreto de Anova, os prazos establecidos para fixar unha fórmula de concorrencia –remate de febreiro- dificulta seriamente a viabilidade dun proceso de discusión con outras formacións potencialmente interesadas nunha eventual converxencia electoral.

"A pregunta segue estando enriba da mesa:serán capaces de construír un acordo os distintos segmentos do nacionalismo galego nas vindeiras semanas?"

Como é sabido, nos anos 2004 e 2009 o BNG participou na conformación dunhas coalicións electorais para os comicios europeos (no primeiro caso coa presenza, entre outras forzas, de CiU e PNV e cinco anos despois con ERC,EA e Eusko Alkartasuna).Nesta ocasión, rexístranse algunhas circunstancias novidosas e relevantes.En primeiro lugar, a propia división padecida no seo do nacionalismo galego e a consecuente fragmentación organizativa.Ademais, a situación política de Catalunya e do Pais Vasco ten mudado significativamente e os problemas derivados da mesma ocupan un lugar destacado na propia axenda estatal.Nestas condicións, resulta previsíbel que CiU, ERC, PNV e Bildu utilicen prioritariamente a campaña electoral como ferramenta publicitaria das propostas que defenden no interior das súas nacións (consulta e independencia no caso catalán, acordo sobre o escenario vasco post-ETA).Noutras palabras:o debate sobre o modelo de construción da UE e o impacto do mesmo nas respectivas sociedades terá un papel secundario e, dende logo, moi diferente ao que desempeñou nas anteriores citas electorais deste carácter. O primeiro e revelador síntoma desta tendencia é a demora que están mantendo CiU e ERC no esclarecemento do xeito de concorrencia no mes de Maio (apoio a unha candidatura conxunta en Catalunya ou presenza separada en coalicións diferentes) e a consecuente incertidume que provocan nos hipotéticos socios galegos e vascos. A situación creada constitúe un precedente preocupante porque unha cousa é respetar escrupulosamente o proceso que se está a desenvolver no seo da sociedade catalá e outra moi distinta aceitar a visibilización dunha xerarquía na toma das decisións que involucran a varias partes.

A pregunta segue estando enriba da mesa:serán capaces de construír un acordo os distintos segmentos do nacionalismo galego nas vindeiras semanas? Caso de facelo, sería unha mensaxe de esperanza para unha sociedade que necesita doses importantes de confianza e autoestima.

Comentarios