Opinión

A maioría non garante o acerto

Os chamados “contrafactuais” están sendo moi utilizados en certos ámbitos mediáticos. Certamente, constitúe un exercicio intelectual estimulante imaxinar qué tería ocorrido se a historia, persoal ou colectiva, tivera seguido unha traxectoria diferente á que, finalmente, se rexistrou.

Qué pasaría, por exemplo, se no ano 1989 Fraga non tivera acadado unha mínima –e legalmente discutida- vitoria nas eleccións ao Parlamento galego? E se o bipartito PSdG-BNG fora quen de repetir mandato no ano 2009?

Os 40 últimos anos da historia do nacionalismo galego tamén poden suscitar atractivos interrogantes: qué tería acontecido se Esquerda Galega conseguira consolidar a condición de principal forza nacionalista acadada nos comicios de 1985? E se X.M. Beiras tivera optado por formar parte dese proxecto no canto de encabezar o novo BNG conformado no outono de 1982?

Hai un posíbel contrafactual mais recente: qué tería sucedido se hai catro anos, na Asemblea de Amio, houbera un consenso entre as distintas correntes presentes no Bloque que permitira manter unha andaina unificada entre elas?

Na altura do ano 2012, sectores determinantes do BNG presentaban síntomas preocupantes de incapacidade para comprender os cambios que estaban agromando na sociedade galega e no escenario estatal

Xa teño afirmado noutras ocasións que a frustrada unidade nacionalista non era condición suficiente para resolver o desgaste electoral que viña padecendo a fronte nacionalista dende o comezo do novo século. Mais, na altura do ano 2012, sectores determinantes do BNG presentaban síntomas preocupantes de incapacidade para comprender os cambios que estaban agromando na sociedade galega e no escenario estatal. A aparición do movemento do 15-M na primavera do ano 2011 foi recibido cunha mestura de ignorancia e desprezo que imposibilitou un achegamento e diálogo cos sectores –principalmente xuvenís- que se mobilizaban nas prazas contra un sistema político que presentaba indicios evidentes de esgotamento. As dificultades para ler adecuadamente as variábeis presentes na realidade continuaron até datas máis recentes. Considerar que o nacemento de Podemos é consecuencia dunha operación deseñada polos poderes fácticos para neutralizar aos movementos nacionalistas existentes no Estado español constitúe unha simplificación analítica moi semellante á que se formulaba hai poucos días nun editorial de “El País” atribuíndo o xurdimento da devandita formación a unha manobra dos terminais mediáticos da dereita para minorizar a influenza do PSOE. Se fose certa a tese dos dirixentes do BNG non se entendería a contundente belixerancia (sen escrúpulos: financiados por Irán e Venezuela, acólitos de ETA…) que están empregando contra o partido que encabeza Pablo Iglesias.

Nun artigo recente, Manuel Veiga laiábase do esquecemento practicado polo BNG a respeito da experiencia do goberno bipartito que naceu no ano 2005. Pouco tempo despois de rematada esa andaina gobernamental, algunhas persoas propuxemos, no interior da organización nacionalista, a necesidade de analisar a fondo esa experiencia para aprender dos erros e reivindicar a importancia dos éxitos acadados. A resposta dos sectores maioritarios da fronte foi dupla: por unha banda negaron a pertinencia da análise demandada alegando que iso provocaría unha perigosa división da organización e, ao mesmo tempo, algunhas persoas significadas afirmaron en público que a presenza do Bloque na Xunta tiña provocado unha perda de apoio social por mor da moderación das súas políticas. Con estes vimbios argumentais, a liña aprobada na Asemblea de Amio foi considerada como un imprescindíbel axuste de contas con ese confusionismo que representaba o bipartito e o comezo dun período onde se ía rexistrar un benéfico clarexamento que permitiría a recuperación da meirande parte dos votantes perdidos. 

Onde está escrito, por exemplo, que unha organización nacionalista galega non pode acordar unha concorrencia electoral conxunta cunha formación política de ámbito estatal?

O fracaso dos resultados derivados do cambio operado en Amio –e ratificado na Asemblea da primavera de 2013, despois do notábel correctivo sufrido nas leccións galegas de Outubro de 2012- está á vista de todo o mundo.

A recuperación do BNG como ferramenta útil para a transformación da nación galega require, entre outras cousas, substituír os preconceitos e os falsos principios por un mellor coñecemento da sociedade realmente existente. A primeira condición para cambiar a realidade é acertar no diagnóstico da mesma. E despois é preciso non construír valados ou liñas vermellas que non se compadecen coa lóxica dun grupo político que pretende seducir á maioría social. Onde está escrito, por exemplo, que unha organización nacionalista galega non pode acordar unha concorrencia electoral conxunta cunha formación política de ámbito estatal? No ano 1993, Unidade Galega (herdeira de Esquerda Galega) formalizou unha coalición electoral –tanto para o Congreso como para o Parlamento do Hórreo- con Esquerda de Galicia (que formaba parte de Esquerda Unida). Non lles acompañou o éxito –ficaron fóra de ambas Cámaras- mais unha boa parte dos cadros e dirixentes de UG pasaron a formar parte, posteriormente, do BNG. Ninguén dixo, daquela, que perderan a súa condición de militantes nacionalistas e, xa que logo, eran merecedores do ostracismo para purgar a comisión de semellante herexía.

En toda organización política que pretenda ser minimamente democrática, a última palabra correspóndelle ás persoas que forman parte dela. Semellante obviedade debe ir acompañada dunha consideración non menos relevante: contar co aval da maioría outorga a lexitimidade esixida para executar as decisións acordadas, pero non garante o acerto e a oportunidade das mesmas. O sucedido nas dúas últimas Asembleas Nacionais do BNG certifica a veracidade de semellante afirmación.

Comentarios