Opinión

Os límites das balanzas fiscais

Hai poucos días, as balanzas fiscais retornaron ao primeiro plano da actualidade política.En realidade nunca abandonaron o amplo escenario das polémicas relativas ao financiamento das Comunidades Autónomas.No ano 2008, durante o goberno de Zapatero, foron publicadas oficialmente polos organismos dependentes da Administración do Estado despois dunha continuada reclamación de CiU.Agora, o ministro Montoro decidiu promover un estudo que, mais alá dos lóxicos debates e contrastes que se rexistran nos ámbitos académicos, pretende engadir mais elementos de confrontación nun dos principais terreos de xogo presentes na política estatal:o futuro nacional de Catalunya.

Hai poucos días, as balanzas fiscais retornaron ao primeiro plano da actualidade política. En realidade nunca abandonaron o amplo escenario das polémicas relativas ao financiamento das Comunidades Autónomas. No ano 2008, durante o goberno de Zapatero, foron publicadas oficialmente polos organismos dependentes da Administración do Estado despois dunha continuada reclamación de CiU. Agora, o ministro Montoro decidiu promover un estudo que, mais alá dos lóxicos debates e contrastes que se rexistran nos ámbitos académicos, pretende engadir mais elementos de confrontación nun dos principais terreos de xogo presentes na política estatal:o futuro nacional de Catalunya.

"O ministro Montoro decidiu promover un estudo que pretende engadir mais elementos de confrontación nun dos principais terreos de xogo presentes na política estatal:o futuro nacional de Catalunya".

As balanzas fiscais son fotografías parciais da realidade. As relacións económicas entre dous ou mais territorios non deben ser reducidas á contabilización dos fluxos monetarios que se rexistran entre eles (a través dos impostos e cotizacións sociais e dos gastos e investimentos das administracións públicas de referencia). Estes fluxos non reflicten completamente a realidade pasada e presente das relacións económicas tecidas no ámbito do Estado español. Deberíanse analizar simultaneamente, por exemplo, os fluxos de mercadorías, de man de obra, de recursos financeiros e o custe dos impactos medioambientais derivados do modelo de crecemento rexistrado nas últimas década.

Non existe,por outra banda, un consenso inequívoco (entre os especialistas e, moito menos, entre os representantes das institucións políticas) a respeito dos criterios de contabilización que deben ser empregados no cálculo das devanditas balanzas. Resulta moi discutíbel, por exemplo, o método que se debe seguir para computar as cotizacións e as pensións do sistema da Seguridade Social: os cambios de residencia operados polos beneficiarios (cotizar en Catalunya,Madrid ou Pais Vasco e cobrar na Galiza) poden distorsionar parcialmente os resultados. Os criterios de imputación do imposto de sociedades, dos fondos europeos ou dos intereses da débeda pública tamén ofrecen unha ampla marxe de polémica.

En todo caso, as chamadas balanzas fiscais poden ser unhas ferramentas construtivas -dende logo, non as únicas- na determinación dos sistemas de financiamento público nun Estado plurinacional se existe un consenso previo sobre a metodoloxía que se utiliza no cálculo das mesmas.Obviamente, se os procedementos técnicos empregados pretenden conseguir un resultado predeterminado, a perversión do proceso invalida –no plano político- a pretensión invocada na súa realización.

"A hipercentralización non asegura o desenvolvemento económico e social  e tamén permite constatar que a soberanía política –e, por tanto, fiscal- non garante automaticamente un nivel de benestar equiparábel ao dos territorios economicamente mais desenvolvidos"

A lóxica presente nalgúns discursos sobre as balanzas fiscais agacha, na miña opinión, unha eiva importante: fundamentase –explícita ou implicitamente- a lexitimación do nivel de autogoberno en termos de poder fiscal en base ao saldo que teñan Catalunya, Galiza ou outras comunidades coa Facenda estatal. Noutras palabras: afirmase –expresa ou tacitamente- que a dimensión da autonomía fiscal debe estar correlacionada co nivel de riqueza relativo de cada territorio. Ao cabo, a eventual independencia dun territorio estaría xustificada, primordialmente, polo saldo da súa balanza fiscal.

A autonomía ou soberanía fiscal e a suficiencia de recursos (necesaria para asegurar un nivel de benestar colectivo equiparábel aos niveis medios estatal e europeo) son dous problemas que están relacionados pero que teñen unha natureza diferente e deben merecer argumentos singulares aínda que loxicamente compatíbeis. A experiencia histórica demostra que a hipercentralización non asegura o desenvolvemento económico e social (velaí temos o caso paradigmático do franquismo) e tamén permite constatar que a soberanía política –e, por tanto, fiscal- non garante automaticamente un nivel de benestar equiparábel ao dos territorios economicamente mais desenvolvidos (aí está o exemplo de Portugal, recibindo fondos da UE e padecendo un programa de rescate da “troika”que elimina de facto a propia vixencia dun “Estado de benestar” homologábel ao que rexe noutras latitudes da UE).

Comentarios