Opinión

A irresistíbel caída de Rato

Rodrigo Rato formou parte desas divinidades laicas adoradas nas distintas estancias do Poder realmente existente no Estado español.

Rodrigo Rato formou parte desas divinidades laicas adoradas nas distintas estancias do Poder realmente existente no Estado español. Agora, para sorpresa de moitos, atopámolo no club dos imputados por graves delitos (branqueo de capitais, alzamento de bens e fraude fiscal) presuntamente cometidos con esa finísima luva que adoitan utilizar os persoeiros da súa clase.

"Atopámolo no club dos imputados por graves delitos (branqueo de capitais, alzamento de bens e fraude fiscal) presuntamente cometidos con esa finísima luva que adoitan utilizar os persoeiros da súa clase".

Durante moitos anos, o ex -ministro de Aznar foi considerado o principal artífice do “milagre” económico español, ese singular modelo de crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o crédito barato, a desregulación financeira, o espectacular endebedamento de empresas e familias  e a diminución indiscriminada de impostos. A pesar de que os seus admiradores foron extraordinariamente xenerosos nas loubanzas (lembremos a reiterada afirmación de que estabamos ante o “mellor ministro de economía da democracia”), non resultou agraciado na designación dixital para encabezar a candidatura do PP nas eleccións de 2004.

Tal vez por iso preferiu tomar distancia da política española e conseguiu ser nomeado director xerente do FMI. Colocado nun dos centros neurálxicos do sistema financeiro internacional, non foi quen de completar o seu mandato e dimitiu –por razóns nunca suficientemente explicadas- en Xuño do 2007, poucos meses antes de que estoupara nos USA a crise das “hipotecas subprime” e comezara unha treboada económico-financeira que provocou graves consecuencias nas condicións de vida de millóns de persoas en todo o planeta.O abandono anticipado do seu cargo no Fondo permite pensar que Rato foi coñecedor da burbulla que se estaba xestando e non foi capaz –ou non quixo- facer fronte a semellante “tsunami”.Daquela, houbo poucas análises críticas sobre tan sorprendente fuxida que, ademais, deixaba en mal lugar ás propias autoridades políticas estatais (tanto do PP como do PSOE).A pesar de que a súa aventura americana non daba para iso, regresou como un triunfador e rematou por atopar acubillo nunha entidade financeira tan singular como Cajamadrid.O seu perfil era o mais adecuado para facer realidade unha vella pretensión dos dirixentes do PP:construír un gran Caixa mediante a fusión con Bancaja e Caixagalicia e administrar un instrumento de poder económico, tutelado por Esperanza Aguirre, que fose quen de neutralizar o estatus acadado por La Caixa e as demais entidades catalanas.

"No canto de presentar o “caso Rato” como un asunto “persoal”, debería recoñecer que é un síntoma da filosofía económica e política que profesou nas últimas décadas".

O epílogo da traxectoria de Rato como xestor público chegou cos distintos episodios sucedidos en Bankia:o proceso de bancarización, a saída á Bolsa e o uso de cartóns negros por parte de directivos e administradores. A pretensión de limpar o currículo do ex –vicepresidente de Aznar era unha tarefa imposíbel.O xigante tiña os pés de barro e as mans cheas de lixo.

Se o PP quixera contribuír seriamente á rexeneración do sistema político tería que mudar radicalmente a lóxica argumental que está empregando. No canto de presentar o “caso Rato” como un asunto “persoal”, debería recoñecer que é un síntoma da filosofía económica e política que profesou nas últimas décadas.
Se puideran, Guindos e Montoro queimarían as hemerotecas para agachar o seu pasado de colaboradores directos daquel  proclamado “superman” da economía.Guindos quere protexer o seu prometido nomeamento de presidente do Eurogrupo. Xa sabe que o nivel de esixencia ética nas elites gobernantes da UE está baixo mínimos. Aí temos, por exemplo, a Mario Draghi de máximo responsábel do BCE a pesar de que, entre 2002 e 2006, foi vicepresidente para Europa de Goldman Sachs, un banco de investimento que tivo moito que ver na xestación da crise financeira xurdida na primeira década do presente século.

Comentarios