Opinión

Inocencia penal e inocencia política

“Hai que distinguir entre a inocencia penal e a inocencia política.A penal réxese pola presunción de inocencia, pero no ámbito político non hai que aplicar eses principios, nese caso teñen que aplicarse normas de comportamento ético e de transparencia”. 

“Hai que distinguir entre a inocencia penal e a inocencia política.A penal réxese pola presunción de inocencia, pero no ámbito político non hai que aplicar eses principios, nese caso teñen que aplicarse normas de comportamento ético e de transparencia”. Estas palabras do fiscal superior de Galiza, Carlos Varela, resumen adecuadamente a conduta que debería ser esixíbel aos responsábeis políticos nun sistema democrático de calidade contrastada.O valor destas declaracións é moito maior se temos en conta que os dirixentes do PP e do Partido Socialista actúan cunha lóxica contraria:non depurar responsabilidades nos cargos imputados –dimisións, ceses, explicacións en sede parlamentaria- mentres non exista unha definitiva sentenza xudicial condenatoria. 

"O silencio e a pasividade exhibidas ante as implicacións de concelleiros e funcionarios que aparecen no sumario da chamada operación Pokemon foron substituídas pola rapidez no xuízo critico ao fiscal superior". 

Publicadas as palabras do fiscal, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, decidiu utilizar unha inusitada dureza verbal para descualificar a opinión de Varela. O silencio e a pasividade exhibidas ante as implicacións de concelleiros e funcionarios que aparecen no sumario da chamada operación Pokemon foron substituídas pola rapidez no xuízo critico ao fiscal superior. Os dirixentes do PP practican unha nociva combinación no tratamento da corrupción:apostan pola total xudicialización da política e promoven, ao mesmo tempo, unha obscena politización da xustiza.

A existencia de prácticas corruptas non se explica, exclusivamente, pola vixencia dun determinado sistema político e/ou económico.A experiencia histórica ofrece exemplos suficientemente demostrativos de tal afirmación.A España franquista e a que hoxe se estrutura no réxime constitucional; a URSS e a China actual; Italia e os países nórdicos:velaquí unha relación de casos que permiten comprobar as semellanzas e as especificidades da corrupción segundo os distintos contextos sistémicos e territoriais.As características que posúa a normativa legal, o nivel de complicidade do corpo social e a catadura moral dos representantes políticos constitúen outros tantos factores básicos que explican a intensidade e a continuidade do fenómeno que hoxe ocupa e preocupa á maioría da opinión pública e publicada.

·"Aí reside a diferenza fundamental entre o BNG e as demais forzas involucradas:asumir a inmediata retirada dos cargos institucionais ou desprazar as decisións cara as instancias xudiciais".

O problema principal que se dilucida, despois do coñecemento case total do sumario da Pokemon, non é tanto o número de formacións políticas afectadas por prácticas eticamente reprobábeis senón a reacción dos partidos ante as mesmas.E aí reside a diferenza fundamental entre o BNG e as demais forzas involucradas:asumir a inmediata retirada dos cargos institucionais ou desprazar as decisións cara as instancias xudiciais. A tolerancia do PP ante o esperpento do goberno municipal de Compostela ou a comprensión da dirección socialista ante a negativa de Orozco a calquera asunción das responsabilidades derivadas da actuación do seu subordinado Liñares, multiplican os efectos destrutores que provoca a propia lectura das páxinas da instrución xudicial.

Non sabemos cómo repercutirán estes episodios nos comicios locais de Maio do 2015. Se, finalmente, as consecuencias fosen moi reducidas haberá quen afirme, con satisfacción, que o electorado ditou unha sentenza absolutoria. Para outras persoas –entre as que me atopo- tal situación revelaría a persistencia dunha epidemia gravemente lesiva para o sistema democrático.

Comentarios