Opinión

Incógnitas para despois da sentenza do Tribunal Supremo

Ás poucas horas de se coñecer oficialmente a sentenza condenatoria do Tribunal Supremo, Pablo Casado quixo poñer en valor, explicitamente, o feito de que o seu partido fora o promotor da querela presentada polo entón fiscal xeral do Estado -José Manuel Maza, falecido poucas semanas despois- contra os principais dirixentes do independentismo catalán.

Deste xeito, o actual presidente do PP despexou calquera tipo de dúbida sobre o sucedido no outono de 2017. Cando o fiscal Maza promoveu a querela polo presunto delito de rebelión ante o Tribunal Supremo, cabían dúas hipóteses explicativas sobre aquela actuación: que o facía pola súa conta, utilizando a marxe de autonomía que lle concedía o seu cargo institucional, ou ben que procedera a materializar unha iniciativa que contaba, en última instancia, coa complicidade e/ou a  aprobación do presidente do goberno, Mariano Rajoy.

Casado certificou, pois, o que diversos analistas viñan afirmando nos últimos anos: a plena  xudicialización do contencioso que se dilucidaba no seo da sociedade catalá e que, simultaneamente, condicionaba seriamente a vida política e social do conxunto do Estado español foi a aposta prioritaria tomada polo goberno Rajoy. Carente da vontade necesaria para formular propostas no ámbito político e convencidos de que a progresiva efervescencia independentista era un “ souflé” cunha rápida data de caducidade, os gobernantes do PP buscaron a aplicación do Código Penal nos máximos niveis de dureza posíbeis.

A acusación de rebelión foi a premisa sobre a que  pivotou a deriva xudicial. Tanto a instrución do xuíz Pablo  Llarena como a posterior petición do fiscal Zaragoza construíron un relato xurídico no que a violencia ocupaba un papel chave para xustificar tres decisións da máxima gravidade: a petición dunhas condenas extraordinariamente duras, a imposición dunha prisión preventiva que non encaixaba coa orixe política dos feitos obxecto da iniciativa penal e a aplicación dunha norma procesual -promovida no seu día para evitar a presenza de acusados de pertenza a ETA nas institucións que se elixen por sufraxio popular- para impedir que  Junqueras e outros dirixentes ocupasen os seus escanos nos parlamentos catalán e español.

Os ríos de tinta e as horas de radio e televisión coas que se avalou semellante relato xurídico -co ingrediente engadido do uso do termo “golpistas” para descualificar aos procesados e a obscena comparación co plan deseñado por  Tejero e  Milans naquel inesquecíbel 23 de febreiro de 1981- ficaron desmentidos coa recente sentenza ditada polo Tribunal Supremo (sen que, por certo, a maioría dos analistas que se apuntaron con entusiasmo á teoría da rebelión recoñecesen o seu erro). Por mor desa presión política e mediática, a Sala presidida por  Marchena estableceu unha máis que discutíbel sentenza por  sedición -atribuíndo unha relevancia desmesurada á violencia rexistrada naquelas semanas de 2017,  incomparabelmente menor que a que se viu nos últimos días nas rúas de Barcelona- e fixou as penas de prisión na franxa máis elevada que lle permitía esa figura delitiva.

O 10 de novembro achégase cunha incógnita e unha certeza. A primeira: cómo vai influír a sentenza nos resultados electorais dentro e fóra de Cataluña? A segunda: de todas as formacións políticas de ámbito estatal que se presentan a estes comicios só dúas -Unidas Podemos e Máis País- propoñen fórmulas -aínda que resulten moi xenéricas- para atopar unha solución ao conflito catalán que non consista no mantemento do  statu  quo ou na aplicación do artigo 155.

Teoricamente, as citas electorais constitúen os momentos mais adecuados para que as sociedades se pronuncien sobre as cuestións relevantes que lles afectan habitualmente, apoiando ou rexeitando as distintas propostas que lles formulen os partidos políticos. Mais unha vez, este modelo de funcionamento non se vai practicar, de facto, o vindeiro 10-N. As conxunturas electorais actúan como circunstancias disuasorias: no canto de achegar solucións provocan a conxelación das mesmas. Neste caso, o problema catalán vai ser utilizado, sobre todo, como unha ferramenta que propicie a obtención de rendementos electorais inmediatos. Con semellante lóxica, calquera solución para este complicado asunto alongarase no tempo e orixinará unha comprensíbel fartura e desmotivación en importantes sectores da cidadanía. 

Foi consciente Pedro Sánchez dos riscos adicionais derivados da coincidencia entre a repetición electoral e o coñecemento da sentenza do Tribunal Supremo ou cometeu un  gravísimo erro de cálculo? Moi pronto haberá respostas a esta e a outras cuestións pendentes.

Comentarios