luns 01/03/21

A historia non está escrita para sempre

Cantas persoas imaxinaban, hai 40 días, que iamos estar vivindo unha crise sanitaria desta envergadura? E cantas pensaban, naquel momento, que o actual xefe do Estado ía confirmar as graves irregularidades financeiras cometidas polo seu pai nos últimos anos?

Velaquí dous casos prácticos que cuestionan as inercias mentais que practicamos, en moitas ocasións, persoas e colectivos que desexamos mudar aspectos relevantes da nosa sociedade.

Cando estoupou a crise financeira do ano 2008, apareceu unha determinada terminoloxía no ámbito económico para ilustrar a suposta capacidade dos técnicos para xestionar semellante desfeita (a pesar da evidencia de que as escolas oficiais do pensamento económico non foran quen de prever a existencia daquel devalo). Unha das expresións máis utilizadas foi a do “test de estrés”: denominación utilizada para describir a capacidade teórica de resposta das entidades financeiras ante a evolución máis negativa do escenario económico xeral.

Se tomamos prestada esa metodoloxía para o panorama que está orixinando o coronavirus, podemos abrir un catálogo moi amplo de interrogantes. Para comezar no propio eido sanitario: que capacidade ten o sistema público para atender un problema desta dimensión, despois da erosión padecida polas políticas de redución de gasto tanto no relativo ao volume de persoal como no que se refire ao equipamento das distintas unidades? E moi conectado con isto, atopariamos outro motivo de preocupación nos importantes déficits rexistrados no universo da investigación científica, convertida nun dos parentes probes dos orzamentos das administracións públicas.

As institucións políticas -galegas, estatais, europeas- tamén están sometidas a esta singular proba. Aínda que haberá que agardar ao remate da crise para tirar conclusións máis precisas, hai algo que xa pode ser subliñado: a actuación dos órganos dirixentes da actual UE ten sido moi pouco congruente co papel que agardaban moitos homes e mulleres do continente. Este comportamento deficiente pode comprometer o propio futuro do club europeo: se ante unha situación extraordinaria non existe unha resposta da mesma natureza, amplos sectores sociais poden cuestionar a utilidade do aparello institucional vixente e buscar refuxio noutras entidades máis próximas (estatais ou subestatais).

A experiencia que estamos vivindo demostra a importancia do público e do papel regulador que deben desempeñar as administracións. Van admitir esta lección os fundamentalistas do mercado como vector prioritario da orde económica e social? Vanse crear, no tecido social, os anticorpos necesarios para non permitir a repetición das lesivas políticas de austeridade practicadas dende hai máis dunha década nos países centrais do capitalismo mundial?

Mentres agardamos a resposta que proporcionará a evolución desta crise, asistimos á escenificación pública de importantes disensións no interior da Casa Real, dando verosimilitude ás informacións que estabelecen a participación de Juan Carlos de Borbón en prácticas financeiras presuntamente ilegais e, en todo caso, incompatíbeis co máis elemental criterio de comportamento ético esixíbel a unha persoa da súa condición.

A gravidade deste asunto é innegábel e vai requirir actuacións específicas no ámbito xudicial e no das institucións políticas. Non se pode entender, nun sistema democrático, que unha crise desta natureza non se poida abordar e investigar no seo do poder lexislativo, peza básica do edificio representativo da soberanía popular. Non estamos ante as peripecias protagonizadas por un cidadán calquera senón pola persoa que ocupou -dende 1976 ate o ano 2014- o cimo da pirámide xerárquica estabelecida no Estado español.

Para millóns de habitantes derrubouse o mito do monarca que pilotou unha exemplar transición dende a ditadura franquista ao réxime constitucional de 1978. As persoas que entón desexabamos un sistema de goberno republicano nunca nos puidemos imaxinar que a maior crise reputacional da monarquía chegaría polos vieiros que estamos a coñecer. Certamente, a historia non está escrita para sempre.

A historia non está escrita para sempre
comentarios