Opinión

Herdanzas das vellas caixas

Nas últimas semanas coñecéronse tres novas que permiten evocar as importantes herdanzas das vellas Caixas de Aforro que aínda perviven na realidade galega contemporánea.

Nun recente informe publicado polo Banco de España, afírmase que foron utilizados 10.350 millóns de euros de recursos públicos para rescatar a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova e que só foron recuperados 1.000 millóns como consecuencia da privatización realizada mediante a venda ao grupo venezolano Banesco.

Poucos días despois deste recoñecemento oficial do custe asumido polo FROB -organismo creado pola Administración do Estado e financiado mediante asignacións procedentes dos orzamentos públicos-, o grupo municipal do PP no concello de Santiago formulou unha proposta a respecto do solar no que se atopa o antigo Colexio Peleteiro, situado no centro de Santiago e carente de uso concreto dende hai algún tempo. Para o partido que preside Feixóo, resultaría desexábel e oportuno que o concello da capital da Galiza adquirise ese terreo para poder dedicalo a todo aquilo que se xulgase máis adecuado.

A Corporación Caixa Galicia adquiriu, ao remate do ano 2006, o devandito terreo coa pretensión de construír un centro comercial, un aparcamento e un determinado número de vivendas. Este proxecto non foi adiante e a posterior peripecia da Caixa que daquela dirixía José Luís Méndez rematou no final que todo o mundo sabe: este céntrico e amplo solar do ensanche compostelán pasou a ser propiedade da SAREB (Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria), unha Sociedade Anónima participada nun 55% por capital privado e nun 45% por capital público (a través do FROB).

Resulta rechamante que un partido como o PP que ten reiterado a súa fe absoluta na oferta e na demanda -lembremos aquel "é o mercado, amigo" pronunciado por Rodrigo Rato cando pretendía defender a súa xestión en Bankia- opte nesta ocasión pola intervención dunha institución pública para buscar algunha solución a este labirinto urbanístico. Xa que decide abandonar, sequera parcialmente, o fundamentalismo económico que predica na súa retórica habitual, poñamos enriba da mesa unha pregunta relevante: por que non propón o PP de Santiago que a entidade financeira propietaria do terreo faga unha doazón ao concello para conseguir o que afirma pretender? A evidencia de que a privatización de Novacaixagalicia implicou unha perda de mais de 9.000 millóns de recursos públicos avalaría a pertinencia de semellante fórmula. Por non falar dos beneficios moi sólidos obtidos na súa andaina como empresa privada (401,9 millóns no terceiro trimestre deste ano).

A última referencia informativa deste tríptico revelador da pegada das fenecidas Caixas ten como protagonista ao Deportivo da Coruña. A complicada situación financeira deste club -derivada da nociva xestión practicada polos seus últimos dirixentesprovocou que Abanca -o maior acredor desa entidade deportiva- teña na súa man propiciar unha saída do grave labirinto económico mediante a conversión deste banco no principal accionista da histórica equipa herculina. Atopariámonos, pois, ante unha operación que proporciona unha evidente reputación simbólica a ese grupo financeiro sen evitar unha futura venda a outro investidor que desexe a propiedade maioritaria do Depor.

Cada vez que se fala das vellas Caixas de Aforro convén lembrar dúas circunstancias decisivas: eran entidades de natureza social -e non empresas mercantís sometidas á lóxica da maximización dos respectivos beneficios- e os seus directivos -que non propietarios- resultaron determinantes na súa evolución e dramático desenlace. E tamén é imprescindíbel aludir ao despropósito de que o Parlamento galego -cunha maioría absoluta do PP dende o ano 2009- non sexa quen de elaborar unhas conclusións da Comisión de investigación creada hai varios anos. Pase o que pase nos vindeiros meses, ficará pendente unha reparación ao corpo social galego polas perdas imputadas ao erario público por mor dos desastres das Caixas galegas. 

Comentarios