Opinión

A guerra mediática

As recentes eleccións ao Parlamento galego e a dimisión de Pedro Sánchez como secretario xeral do PSOE colocan aos medios de comunicación na axenda das inescusábeis reflexións dos sectores mais críticos da opinión pública.

Afirmar que a vitoria nunha confrontación electoral é debida, primordialmente, ao comportamento dos medios é unha simplificación que debe ser abandonada nas análises posteriores ao peche das urnas. Pero descoñecer a importancia dese factor na conformación da opinión do electorado é un despropósito que descualifica a quen o practica.

Matinando sobre o sucedido o pasado 25 de Setembro convén, antes de nada, exercitar a memoria. Nos últimos meses do ano 2008, o bipartito (PSdG-BNG), a pesar de que encaraba o remate da lexislatura exhibindo un balance razoabelmente satisfactorio na evolución dos índices que miden o benestar social dunha comunidade, tivo que aturar unha campaña mediática –promovida, fundamentalmente, polo principal grupo empresarial privado de ámbito galego- que buscaba crear a opinión de que Touriño e Quintana eran uns vividores rodeados de bens de luxo e distantes do sufrimento dos sectores mais desfavorecidos da sociedade. Chegou o día das eleccións e xa sabemos o que pasou: o BNG perdeu un deputado na provincia da Coruña e Feijóo acadou os 38 escanos da maioría absoluta. As razóns dese resultado foron, sen dúbida, variadas, pero no catálogo explicativo deben figurar aquelas inesquecíbeis portadas apocalípticas.

Matinando sobre o sucedido o pasado 25 de Setembro convén, antes de nada, exercitar a memoria

Agora, as imaxes comprometedoras das amizades perigosas de Feijoo deixaron paso a un menú con dous pratos: a creación e consolidación do mito da boa xestión presidencial e o aproveitamento intensivo de calquera oportunidade para afortalar a idea do caos asociado a unha eventual alternativa gobernamental da oposición.

Citemos un exemplo revelador da práctica desa dualidade valorativa. Tres días antes de que rematara a campaña, Feijoo pediu explicitamente o apoio dos votantes para “elixir directamente” ao presidente da Xunta. A filosofía que estaba postulando non se compadecía coa letra e o espírito da actual Constitución: aquí non hai eleccións presidenciais; vótanse representantes parlamentarios que logo elixen á persoa que preside a Xunta. Ningún dos analistas habituais reparou e criticou esta nociva pedagoxía empregada polo dirixente do PPdG. Qué tería ocorrido se tal mensaxe fora emitida dende a Marea ou dende o BNG? As acusacións de populismo chavista estarían servidas dende o primeiro minuto.

É verdade que as razóns do triunfo do PP son mais amplas pero o dilema interesado difundido dende o “estado maior” do partido gobernante –ou Feijoo ou o caos- foi metabolizado por unha parte do electorado mediante a coñecida máxima de que ”é mellor o mao coñecido que o bo por coñecer”.

Non se lembraba unha unanimidade semellante na prensa escrita editada en Madrid a respecto da figura de Pedro Sánchez. Unha sorte de “inimigo público número 1” que mereceu tal nivel de belixerancia que o propio Borrell protestou verbalmente contra os editoriais do xornal El País. Argumentaba o ex –ministro socialista que o secretario xeral do seu partido non podía ser electo polo grupo PRISA. Velaí, precisamente, a liña vermella que atravesaron estas empresas mediáticas: non só apostaron por un goberno de Mariano Rajoy senón que tamén quixeron seleccionar o modelo de oposición dos vindeiros meses. E quen non aceite ese deseño, deberá asumir as consecuencias. Como en calquera outra guerra, aquí vale todo.

Comentarios