Opinión

O futuro político de Feijóo

A recente celebración das eleccións ao Parlament de Catalunya permitiu constatar a práctica insignificancia do partido de Mariano Rajoy naquel territorio. A partir desa circunstancia (e sumando o coñecido desgaste provocado pola corrupción xeralizada detectada no PP e o mantemento do malestar social derivado do medre da desigualdade asociada á xestión da crise económica) agromaron síntomas moi explícitos do medo que habita nos despachos da rúa Génova. O último barómetro do CIS non desactiva tal estado de ánimo: a perda de votos é un orballo permanente que reduce a distancia cos seus competidores e obriga a practicar unha ofensiva a cara de can cos seus “viciños” de Cidadans.

Neste contexto, reavivaronse as hipóteses sucesorias que colocan a Núñez Feijoo como un dos candidatos mellor situados para encabezar o post-marianismo. Hai argumentos sólidos, sen dúbida, para avalar esta posibilidade: o actual presidente da Xunta é o único dirixente do PP que acumula -dende o ano 2009- tres maiorías absolutas consecutivas e pode presentar, ademais, un currículo de corrupción xudicializada de “baixa intensidade” fronte á sobredose rexistrada nas comunidades gobernadas por Aguirre, Cifuentes e Camps. Se a estas consideracións lle engadimos a contrastada ambición do político dos Peares, a resultante está servida: Alberto Núñez xogará as súas cartas se ten a certidume de que Rajoy vai realizar unha designación semellante á que, no seu momento, protagonizou Aznar na súa retirada. Só ten unha incógnita que pode interferir nos seus plans: a eventual activación desas “cloacas do Estado” que están baixo o control da poderosa vicepresidenta do goberno central. Se hai máis fotos comprometedoras, algunhas terminais mediáticas completarían o traballo suxo para beneficiar outras candidaturas “norteñas”.

Só ten unha incógnita que pode interferir nos seus plans: a eventual activación desas “cloacas do Estado” que están baixo o control da poderosa vicepresidenta do goberno central

 

Se Feijóo cumpre o seu anunciado desexo de non concorrer ás eleccións galegas do 2020, as forzas da oposición disporán dunha oportunidade adicional para facer efectiva a derrota do PPdG nesa cita. É verdade que a fortaleza deste partido non deriva só da existencia dun liderado consolidado, mais tamén resulta evidente que os procesos de relevo non son doados e menos nunha organización que padece unha tendencia xenética ao taifismo provincial e á dependencia da dirección estatal. Aínda que a sucesión de Fraga non pode ser considerada como unha analoxía equivalente porque tivo lugar na resaca do fracaso electoral de 2005, aquel proceso permitiu visibilizar as fendas entre os grupos de poder internos e a importancia das apostas que se fixeron dende a rúa Génova. Os protagonistas serán parcialmente diferentes pero a cuestión de fondo será semellante: atopar unha figura que sexa quen de acadar un consenso entre os importantes intereses creados despois de 30 anos de control das institucións galegas que naceron ao abeiro do Estatuto de Autonomía.

Unha das pezas relevantes desa hipotética alternativa gobernamental no 2020 é o PSdG. Os recentes procesos realizados para elixir os responsábeis provinciais permitiron visualizar as debilidades que caracterizan a este partido. O seu novo secretario xeral -Gonzalo Caballero- non foi quen de ver ratificada a súa liña política nas primarias de Pontevedra, Lugo e A Coruña debido á influenza demostrada polas persoas que presiden as deputacións deses territorios. Este feito constitúe un precedente preocupante: ademais de lexitimar a vixencia destas anacrónicas institucións no ámbito da esquerda social certifican a boa saúde do localismo no seo do socialismo galego. Esta obrigada cohabitación de G. Caballero cos líderes provinciais emite a mensaxe de que o PSdG segue sen aprobar a asignatura pendente dunha estratexia galega que non sexa a resultante dunha suma aritmética dos vellos cantonalismos de sempre. Así vai ser complicado construír unha alternativa sólida ao PP en San Caetano.

Comentarios