Opinión

Fortaleza ou febleza

Dende hai moito tempo, o debate sobre o financiamento das entidades territoriais que coexisten no Estado español está moi condicionado pola habitual confrontación que preside a dinámica política. Certamente, estamos ante un asunto que podería ser obxecto dun tratamento discursivo que compatibilizara o imprescindíbel rigor analítico coa lóxica diversidade de focaxes que aparecen en cuestións deste nivel de complexidade. A experiencia histórica demostra, porén, que o vector dominante nos foros públicos vén determinado polas posicións existentes na elite política e/ou nos grupos mediáticos hexemónicos.

Escoitando ou lendo as recentes declaracións de Montoro, Rajoy e Feijóo sobre a eventual condonación da débeda contraída por diversas Comunidades Autónomas coa Facenda estatal constátase palmariamente o sinalado anteriormente: a necesaria controversia ben fundada é substituída por unha calculada cerimonia de retórica confusionista na que cada protagonista busca, prioritamente, reforzar a súa posición no xogo político realmente existente.

Dende que chegaron ao goberno, Rajoy e Montoro foron contumaces apostolos das ideas que procedían de Bruxelas e Berlín: as débedas había que pagalas sen reparar nos custes sociais asociados á posta en práctica de semellante lei de ferro. Aceitaban a lóxica implantada por Merkel para salvagardar os intereses dos acreedores fronte ás facendas dos Estados do sul de Europa. Os debedores non deberían desfrutar dunha eventual reestruturación das súas obrigas que lles permitiran aliviar as graves hipotecas que afectaban as maiorías sociais deses paises.

Dende que chegaron ao goberno, Rajoy e Montoro foron contumaces apostolos das ideas que procedían de Bruxelas e Berlín

 

Estes defensores da ortodoxia da troika sorprenderon a propios e adversarios anunciando que as débedas contraídas por diversas CC.AA. co FLA (Fondo de Liquidez Autonómico) poderían ser modificadas (alongando notabelmente o prazo de amortización e reducindo a contía dos xuros) para favorecer a marxe de manobra dos gobernos afectados. Esta nova posición colocou en fóra de xogo Núñez Feijoo. A súa estratexia dos últimos anos ficou arruinada en poucos días: despois de facer todo o posíbel para demostrar que el era un alumno exemplar na aplicación das novas políticas emanadas dende a Moncloa agora comproba que o seu xefe político está disposto a inmolar a súa “vía galega” no altar das razóns dun Estado que precisa buscar fórmulas de integración para aquelas Comunidades (Catalunya, País Valenciá, Andalucía) que presentan desequilibrios financeiros de certa envergadura.

Esta nova posición de Rajoy e Montoro colocou en fóra de xogo Núñez Feijoo. A súa estratexia dos últimos anos ficou arruinada en poucos días

 

Ante a desautorización recibida, o presidente da Xunta organizou unha foto conxunta cos presidentes de Asturias, Castela-León e Aragón. Hai quen considera que esta iniciativa é unha xogada moi boa do inquilino de Montepío. Realmente é así? Estamos ante unha demostración de fortaleza ou de febleza? Entre os catro protagonistas do encontro, hai dous -os do PSOE- que non sintonizan con Pedro Sánchez e outro que tampouco ten futuro no PP .Feijoo é o único que dispón dunha maioría absoluta prolongada que podería usar para forzar unha negociación directa coa Moncloa. Ao cabo, esta operación de imaxe é unha confesión de impotencia ante o trascendental problema do financiamento da Facenda galega. Foguetes artificiais para agachar o medo á confrontación cos xestores da Administración central.

Comentarios