Opinión

ETA e os relatos

No ano 2011 ETA anunciou o remate unilateral da súa acción violenta. A pesar de que tal decisión non foi acompañada dunha iniciativa específica sobre o seu desarmamento nin concretaba un prazo determinado para a disolución da propia organización, resultaba indiscutíbel que ETA renunciaba á negociación política que sempre esixira como condición indispensábel para non seguir coa súa actividade. Dende esta perspectiva, a organización recoñecía implicitamente a súa derrota.

Son varios os factores que explican o desenlace que comezou hai mais de 5 anos. Ademais da forte e continuada presión policial e xudicial desenvolvida polas Administracións española e francesa, ETA padeceu unha notábel perda de apoio naquela parte da sociedade vasca que xustificaba a súa existencia e/ou compartía as reivindicacións fulcrais que tiña formulado nas últimas décadas. A constatación de que non posuía a fortaleza necesaria para provocar un proceso formal de negociación que posibilitase a consecución -sequera parcial- dalgún dos obxectivos plantexados, tivo como consecuencia a aceitación dunha fórmula de retirada unilateral sen contrapartidas políticas.

ETA demorou moito a toma de conciencia sobre a súa crecente debilidade

Certamente, ETA demorou moito a toma de conciencia sobre a súa crecente debilidade. Instalada nun universo moi pechado, non foi quen de percibir os cambios rexistrados na sociedade vasca. O propio Otegui recoñeceu, recentemente, que a esquerda abertzale ignoraba esa parte decisiva da realidade. Nesa grave eiva talvez influíu a lóxica resistencia na aceitación dun balance moi duro: varias décadas de utilización da violencia cun elevado nivel de dano humano asociado á mesma non conseguiron mais que a consolidación dunha forza política que recibe arredor de 20% dos votos emitidos. A comparanza co sucedido en Catalunya ou mesmo na Galiza resulta significativa: en ambas nacións hai forzas nacionalistas que acadaron igual ou superior influencia electoral sen mediar o fenómeno do emprego sistemático da violencia con obxectivos políticos. E iso sen incorporar unha avaliación ética do que supón practicar a loita armada nun contexto social no que non hai un consenso maioritario sobre a pertinencia de tal uso.

A comparanza co sucedido en Catalunya ou mesmo na Galiza resulta significativa: en ambas nacións hai forzas nacionalistas que acadaron igual ou superior influencia electoral sen mediar o emprego sistemático da violencia

Aínda que a disolución formal de ETA fica pendente, será inevitábel nun futuro non moi lonxano. Daquela, seguirá o debate que xa comenzou nestes últimos meses: cal debe ser o relato histórico do sucedido dende os anos 50 do pasado século? É posíbel que exista unha única versión sustentada nun amplo acordo social?

Polo momento, non se verifica un acordo unánime na sociedade vasca a respecto desa tráxica vivencia colectiva. Mais alá dos desexos dunhas ou doutras persoas, non resultaría realista aspirar a semellante consenso sen agardar que exista unha maior distancia temporal. Polo demais, as pretensións dos sectores vinculados ao PP resultan dunha hipocrisía palmaria: os mesmos que seguen profesando unha visión partidista sobre as causas e os efectos da guerra civil, esixen unha coincidencia na análise da xénese e desenvolvemento da violencia etarra. As urxencias que exhiben para este caso, desaparecen cando se trata de avaliar o drama rexistrado nos anos trinta do pasado século.

Mirar para o futuro sen esquecer o pasado.Un criterio que resulta mais necesario que nunca para asegurar unha convivencia democrática en Euskadi.

Comentarios